Había unha vez un pai que tiña tres fillos; un día
o pai morreu e, como era moi pobre, só lle deixou ós fillos unha manta vella
e pequena.
Ó chega-la noite os tres irmaus fóronse deitar e
cubríronse os tres coa manta; pero como esta non chegaba pra os cubrir ós
tres, estaban toda a noite puxa dun lado, puxa do outro.
Entón o maor deles cavilou de enganar ó máis pequeno e pola mañá foi onda
el e díxolle:
- ¡Ai oh! ¿Sabes que podías vender a túa parte da manta?
- Eu vendo, oh, vendo. Pro ha de ser coa condición de que me hei deitar entre volos dous.
- ¡Pois xa está!
E remataron o trato. Pola noite fóronse deitar e, como acordaran, o mais pequeno deitouse entre iles dous. O pouco tempo emprincipiaron os dos lados a puxar da manta, cada un do seu lado, e o máis pequeno, moi acochadiño entre iles, non faguía máis que dicir:
-¡Coitadiño do que vende que non
puxa nin estende!
¡Coitadiño do que vende que non puxa nin estende!