O señor abade chegou á ribeira porque seica tiña un viaxe na outra banda. A lancha de pasaxe levárana para gobernar e, daquela, tivo que chamar por un homiño que andaba a pescar no medio da marea.
Seica o homiño non ouvia ou facía coma quen. Mais tanto foi o que berrou o señor abade que o outro pasouno para alá.
-¡Estarás aquí cando volva!
-Se non é moito o que tarda...
-¡Estate que che pagareí o tempo que sexa!
-Non lle é ese o asunto! Despache logo e veña de contado porque o tempo estase poñendo malo.
Foise o señor abade e o home da lancha voltou ao seu traballo. O vento saltou e comenzou a bater con forza tomando moi mal cariz o día.
-Se non fora polo señor abade, brincaba en terra -cavilou o mariñeiro.
E como non pillaba nada foise á outra banda agardar polo viaxeiro e, como tardaba tanto o crego, foise enrabiando a cada vez máis o maríñeiro.
-Non irnos poder pasá-lo mar! -dixo cando viu ao outro.
-Home, ¡pois eu teño que estar na casa pola noite!
-Pois non lle vai poder ser!
-Habemos pasar sexa como sexa! Ou seica tes medo?
-Medo? Ai, señor, non sabe o que di! Eu fixenme vello na marea e a marea e máis eu sómosíle bos amigos pero, como son un pouco rebelde, seica non me quere.
Xa por máis de tres veces perdin a lancha e a mim botoume sempre fóra. Se non vou é por vostede, que non é mariñeiro.
- Lévame e dareiche unha boa presa de cartos.
Boeno logo, pero despois non diga...
E botáronse ao mar. O vento facía moita forza, a lancha ía mar afora e o mariñeiro comenzou a remusgar e a botar algún xuramento de cando en vez. O señor abade gañou medo e púxose a rezar. O mariñeiro facía moita forza co remo, máis a lancha era pouco o que avantaba. En troques, andaba máis apresa mar afora.
O señor cura, cheo de angustia, pediulle ao mariñeiro:
-Reza ti tamén, hom!
-Non teño tempo- dixo o mariñeiro- Nin sei para qué!
-Desgraciado! - dixo o señor abade - Perdiche-la mitade da túa vida.
A lancha deu un brinco e despois un bandazo como para se mergullar no fondo das augas. O señor abade berrou:
-Ah!
E daquela díxolle o mariñeiro:
-Señor abade, ¿vostede aprendeu a nadar?
-Non- Respondeulle o outro
-Pois daquela, eu perdería a metade da miña vida, pero seica vostede vaina perder toda!