Este era un señor de Córneas que tiña un burro solamente, e marchóuse con el polo mundo pra facer fortuna. Foi a Portugal, donde non conocían os burros. Preguntáronlle pra qué era aquel animal, i el díxolles que era pra cazar lobos, que había moitos por alí. Trataron de comprarllo, e déronlle por el un saco cheo de ouro.
Pra cazar os lobos, tiñan que atalo a unha estaca no monte, e deixalo alí toda a noite. Fixérono así a primeira noite, i, ao chegar unha manada de lobos, o probe do burro comenzóu a tirar, arrancóu a estaca, botóu a correr, e metéuse nunha capilla que había alí cerca. Os lobos tamén se meteron tras del, pro el, aos velos dentro, botóuse fora correndo, e, como levaba a estaca colgada, enganchóu a porta con ela e cerróuna tras de sí, deixando aos lobos pechados dentro. Cando os portugueses foron á mañá cediño ver o estropicio que fixera o burro cos lobos, encontrárono á porta da capilla e dentro unha manada de lobos que poñía medo, e dixeron:
-¡Animalín de Dios!¡Non puido matalos e pechóunos na capilla!
Á noite seguinte aseguraron ben a estaca pra que non poidera arrincala e tuvera que matar alí os lobos. ¡Meu pobriño! Como non puido escapar, chegaron os lobos e cenaron con el opíparamente. I eu, en vista de que se descubrira a pillería do corneallo, víñenme pra eiquí correndo.
CONTOS POPULARES DA PROVINCIA DE LUGO. Ed. Galaxia