Cando sexas home, beberás
augardente como fan os homes.
Chegarás noite,
batendo nas portas con estrondo
e espertando os nenos.
Xa non me quererás
porque estarei fea e vella,
e ficarás durmido
debruzado na mesa
sobre o hule e as migas.
Cando sexas home, cuspirás
no chan como fan os homes.
Traballarei contigo,
seguindo co grao
os teus pasos na terra
e con esterco
a fenda da rella.
Amasarei o pan
para que che teña
o xeito dun mundo.
Cando sexas home, maldicirás
contra o meu Deus
como fan todos os homes.
Eu rezarei por ti.
A túa voz alzarase tanto
coma mingüe a miña,
e eu, en silencio, rezarei por ti
cando sexas home.
Pero agora, ven, río meu,
noite arriba.
|
|
A fonte, de Manuel Rivas,
do libro Costa da morte blues.
|