LENDA DA LAGOA DE ANTELA (Xinzo de Limia)

    No lugar que hoxe ocupa a lagoa de Antela houbo noutros tempos unha cidade chamada Antioquía... os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén. Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquía na figura dun esmolante e tentou a caridade enteira da primeira á última casa pedindo esmola e non achou a ninguén que sequera lle dixese: Deus te axude.    Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre uns carballos viu unha casarella coa porta suchouza e unha velliña agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba que aquecía. Xesús arrimouse e pregou:
    - Unha esmola polo amor de Deus.
    - Pase quen sexa - dixo a velliña. E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume e muxía unha cabra que tiña e deulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E despois deitouno na súa camiña de farrapos. Cando á alba do día espertou, Xesús díxolle á velliña:
    - Ven, quero que olles o que foi de Antioquía.
    E a velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquía había agora unha lagoa que asolagaba a vila. E ninguén se salvara fóra da velliña. Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá embaixo, moi fondo albíscase o campanario da igrexa. E a noite do Nadal, ás doce en punto, óense cantar os galos.

   (Versión de Xesús Taboada Chivite.)

    Segundo outra versión esta cidade foi asulagada en castigo por ter como ídolo un galo. O que explicaría que apareza un galo no escudo de Xinzo de Limia.



LENDA DE SAN MARTIÑO DO LAGO (Maside)

    Neste caso, a supervivinte da cidade asolagada foi unha rapaza que andaba coidando as ovellas cunha cadeliña e ante a petición da Virxe dun anaquiño do pan que estaba comendo, deulle todo.
    O día de San Xoán, ás doce do día polo sol, séntese aínda tocar as campás e cantar os capóns.
    Unha vez comezaron a seca-lo lago por contrata, para mirar o que había abaixo, pero non o daban feito. O enxeñeiro dixo un día:
    - Mañá traerei unhas bombas, e o lago quedará seco.
    O encargado díxolle
    - Se Deus quere.
    E o enxeñeiro contestoulle:
    - Que queira que non queira.
    Cando regresaba á casa o enxeñeiro, en coche, encontrou no camiño un arrieiro cun carro de mulas; as mulas atravesáronselle e el, por non atropelalas, cruzou e quixo frear, pero rompéronlle os freos e marchou polo barranco abaixo, e matouse. E por eso din que aquelo foi unha maldición de Deus, e non chegaron a achicar o lago.


O BOI BRUÓN

    Alá por tempos moi remotos, había en Reirís (Santa Eugenia de Rivaira) un pazo real. Toda a xente quería moito a filla do rei pola súa bondade e sabiduría.
    Un día de inverno chegou ó palacio un mouro aterido polo frío. E a filla do rei, apiadándose del fíxolle entrar e quentarse co fogo da cheminea, dándolle despois de comer e beber.
    O mouro namorouse da princesa e mirou de casar con ela porque, ademais de ser bonita, tiña bo corazón. Pero o rei dixo que non quería nada con mouros, que eran xentís e máxicos, e que gardaba á súa filla para un principe branco e rubio coma ela, e que loitara con espada e lanza, e non con ruindade e encantamentos.
    Tomou moi mal o mouro a resposta, e foi mirar se a princesiña decía todo aquilo.
    E a princesiña marcou diferencia entre axudar a alguén que o precisa e entregarse sen amor a alguén que non era merecente dela.. pois en verdade o mouro nin sequera era mozo.
    Cheo de carraxe o mouro ergueuse e marchou do palacio.
    Pero entón tremeu a terra e comezaron a brotar das fontes enormes cantidades de auga..   O rei, ó fuxir coa súa filla e o resto da xente, viu coma o mouro contemplaba, dende unha pena que había no alto do monte,  a súa obra. O rei, empuñando a súa espada, dirixiuse co seu cabalo, a todo galope, cara o mouro que, reíndo como estaba por todo o que veía, non se decatou do que acontecía.. e cando quixo fuxir, como non era xoven e non podía correr, transformouse en touro; pero o rei co seu cabalo impedíalle as salidas, e obligouno a ir cara a cidade, xa medio asolagada. E a princesa, tirando as súas xoias á lagoa que ía cobrendo as ruinas da cidade, pediu axuda ás boas fadas para que  non permitiran que o mouro traidor saíra das ruínas, e penara para sempre no mais fondo do lago.
    E asi foi. Agora, nalgúns días, escóitase cómo sae daquelas augas o bruído do boi.



 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...