(...) É certo que houbo un rei Grandlon no século IV da nosa era. Certo que naquela época a península armoricana veía o choque dos vixiantes do cristianismo e os nostálxicos do paganismo. Certo que se trata dun trozo da historia de Bretaña, evocada no momento en que os invasores eran os bretóns da illa de Bretaña (a Gran Bretaña actual), que fuxían da tiranía dos saxones e impuñan, á súa vez, a súa dominación ós pobos armoricanos, en particular baixo a forma das súas estructuras sociais, da súa lingua e do seu cristianismo. De aí a tradición que figura en Bran Ruz, según a cal, os bretóns mataron ós armoricones varóns e cortáronlle a lingua ás mulleres pra que elas non puideran seguir transmitindo a palabra dos seus antepasados. Fábula, dende logo, pero moi simbólica e universal: trátase dun esquema repetido todo ó longo da historia da humanidade, e sempre pra desgracia dos veciños.   

    Pero a historia, ou a lenda -a miúdo son a mesma cousa-, non é somentes unha anécdota. É, ante todo, un episodio significativo a partir do cal pode desembocar a reflexión nunha toma de conciencia.

    Os elementos que constitúen a lenda de Is, tal como Auclair e Deschamps no-la ofrecen, pertencen totalmente ao mundo céltico. Concernen a Irlanda, país dominado por extranxeiros durante tantos séculos e que aínda sufre as secuelas dunha ocupación se pode dicir terríbel. Concernen ao País de Gales, relegado á categoría de simple principado. Concernen a Escocia, cunha lingua e cultura non inglesas.Concernen a Bretaña, país diferente do resto de Francia.. ¿Non é extrano, por outra parte, atopar en Irlanda e no País de Gales unha lenda casi idéntica, relativa á cidade desaparecida baixo as augas? Ademáis, esta historia dunha cidade víctima das onda, imaxe dunha civilización azotada polo ridículo, rechazada, culpabilizada, ¿non é común a tóda-las culturas chamadas minoritarias, e que somentes son minoritarias porque outras erixíronse en maioritarias mediante a sinxela razón da forza ou do poder económico?

(...)


 

  Así pois, as ondas cubriron a suntuosa cidade de Is, tragándose ao mesmo tempo á súa princesa Dahud, "A Meiga Boa". Pero nada ficou destruído e os pescadores, de cando en vez, con bó tempo e mar pouco movida, conseguen ver os tellados da cidade perdida, e poden ouvir as campanas das súas igrexas. Nen sequera a propia Dahud está morta: nada baixo as augas, con aspecto de serea, entre os grandes peixes dorados. Agarda. A cidade de Is agarda a que París, a "cidade igual a Is", símbolo dun poder andocránico e triunfador, quede sumerxida. I entón Is volverá a aparecer. De feito a cidade desaparecida atópase, igual que o rei Artur, na Illa de Avalón, en estado de letargo, e isto con todo o que representa, con toda a súa xustificación sociocultural. A cidade de Is durme non somentes baixo o mar, no extremo do mundo occidental, xunto ás costas desta Bretaña das lendas, senón tamén namemoria do pobo. É un caso típico de rechazo. O esquema da historia mantense intacto, incloso se os distintos historiadores introducen algunhas variantes nos detalles.

    E trátase dunha historia exemplar, porque desafía ó Tempo e o Espacio, porque o mundo que se atopa en plena crisis non pode con ela. Nas tebras do Inconsciente, como unha fera no fondo dunha cova que garda segredos maravillosos, o mito de Ker-Is está preparado para aparecer en calqueira intre por enriba do umbral da conciencia, perfectamente disculpado (ou sen culpa), igual que as culturas minoritarias que espertan agora no mundo enteiro, saíndo do seu letargo. E podemos estar certos de que o día no que rexurda a cidade de Is, algo acontecerá no Vello Continente, que é o noso, pois a potencia que ten acumulado o mito no noso inconsciente estoupará, e non habera dique que poida protexer á nosa podre civilización das ondas esnaquizadoras de Ker-Is, a nova cidade que garda o segredos máis profundos da Humanidade.

Jean Markale  (Prólogo i Epílogo de "Bran Ruz")


      

 


 


 

Vitor Vaqueiro. Guía da Galiza Máxica:

    O exército de Artur agarda na lagoa

    O ciclo artúrico refírenos as circunstancias que envurullan a morte do lendario monarca. Nos derradeiros días da súa vida, Artur marcha cara ás chairas de Salisbury para entaboar batalla co seu sobriño Mordrez. Parlamentan no propio campo de batalla para tentar adiar o combate, ou mesmo suspendelo. Xa que ningún deles se fía do outro, fica estipulado que, se alguén pertencente a calquera dos dous bandos, desenvaiña a espada, o confronto comezará de contado.

Vitor Vaqueiro. Guía da Galiza Máxica
Artur mortalmente ferido, mentres Girflete deita Excalibur para a Dama do Lago.
Roman de Lancelot du Lac et de la mort du Roi Arthur

Obedecendo a un destino que semella inexorábel, un cabaleiro tira a súa espada para matar a unha cobra. Este vai ser o signo fortuíto e fatal que sinala o inicio da batalla. A loita é encarnizada e nela Artur mata a Mordrez e este fire de morte ó rei.
Á mañá seguinte Artur ordena a Girflete que se dirixa a un outeiro que sobrancea un lago e guinde a súa espada Excalibur. Cando o cabaleiro obedece, unha man sae do lago e recolle a espada. Acena tres ou catro veces e, a seguir, mergúllase definitivamente nas augas. Artur ordena a Girflete marchar. Este, na lonxura, olla unha nave na que veñen fadas, entre ela Morgana, a irmá do rei. Artur, seguido do seu cabalo, embarca na nave e o navío emprende a marcha desaparecendo finalmente (La muerte del rey Arturo. Trad. do texto anónimo francés medieal de Carlos Alvar. Madrid. Alianza Editorial.) Na súa campa, en Glastonbury, un epitafio sentencia: "Aquí xace Artur, rei que foi, rei que será". (...)

    Un segundo bloco lendario, que establece conexión coa materia de Bretaña, quere facer participar dos feitos acontecidos na lagoa de Antela ao rei Artur. O relato, que se cadra chega ao noso país polo camiño das peregrinaxes a Compostela, narra que os insectos que esvoazan por riba da lagoa e que, ao lles daro o sol, escintilan como se fosen de natureza metálica, non son tales, senón o exército enfeitizado do rei Artur que, o mesmo que o monarca, permanece naquel lugar da Limia agardando o desencantamento. Outra liña da lenda abofella que o exército agarda a volta de Artur dende a afastada illa de Avalon na que se acha. Certos autores opinan que este relato, coa súa referencia a un exército de mortos agardando, se presenta enchoupado do mito galego da Santa Compaña.
    Un poema que se alicerza nos tempos medievais dá por certo que o exército de Artur estaba composto por 183.000 cabaleiros, cos cales emprendeu a conquista de Xerusalén (Galicia. Manuel Murguía)

 

A lagoa de Antela - O boi Bruón - San Martiño do lago

 



 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...