Lenda da Virxen do monte e a lagoa de Cospeito


 

O LAGO DE DONIÑOS (Ferrol)

    Cando a Virxe andaba polo mundo, disque despois de ter percorrido terras, chegou un día á cidade de Valverde; alí toda a familia era pagá, malvadosa e descrida; a Virxe, a tal ver, atristouse moito. Era tanta a perdición que alí había entre homes e mulleres que espaventaba; por ningures deu coa fe, non atopou caridade; tampouco había nin un só cristián.
    A Virxe seguiu o seu camiño sen se deter, que non quixo cousa con aquela xente; cavilou que unha cidade como aquela era merecente dunha punición polo Señor.
    Despois de rubir unha encosta longa como o penar dos condenados, cansa e sen folgos, co Meniño no colo, chegou en cabo a unha casiña no alto do monte; parouse a descansar ó agarimo da sombra da barra que tiña diante da porta, e ó pouco de estar alí, veu a dona da casa a lle ofrecer unha cunca de leite e un carolo de broa.
    Fala que fala, a virxe soubo que alí vivían home e muller, e que eran os únicos cristiáns que había na bisbarra toda, e que vivían afastados da cidader porque nin eles gustaban do vivir que aló facían, nin eran ben mirados polos outros.
    A Virxe soubo tamén que o home tiña baixado á cidade para facer algúns mandados, e despois de ter acougado un pouco, seguiu a andar camiño endiante.
    Chegaba á vila o home da casa do monte, cando oíu berrar unha muller a pedir acorro, púxose a escoitar, e daquela, espavorido, quixo comprender que era a voz da súa parenta chamando por el para que lle valese, e ó volver a cabeza viuna no mesmo camiño que el viña de pasar; a pobre loitaba con desespero por se defender duns homes que a querían matar.
    De que viu a muller en tan grande perigo, o home pillou a escape cabo dela para lle valer e viuna como, ceibándose daqueles malvadosos, fuxía cara á casa perseguida por eles; o home corría ben, mais o fato que el seguía avantaba moito máis e non tardou en deixalos de ver ó se perderen nunha revolta do camiño; o home daquela, facendo un esforzo, correu moito máis e cando chegou a albiscar a casa, xa de lonxe viu á súa muller sentada na porta como cando a deixara a Virxe. Ó chegar pé dela, o home contoulle a aparición que se lle presentara, e estando nestas falas, oíron o estronicio máis grande do mundo, e sentiron, sen o ver, o balbor de moita auga de choiva a caer do ceo, seguido de enxordecedor murmurio da enxurrada a levar canto atopaba por diante.
    Sen se dicir cousa, home e muller levados dun mesmo pensamento, ollaron os dous para a cidade maldita, e vírona asolagada.
    Hoxe hai no lugar onde outrora estivera a cidade, unha lagoa, a de Doniños, que ten no medio un pozo que traga a cantos teñen a desgracia de pasar por riba del, mais que a lancha que os leve sexa das meirandes e mariñeiras.

Outra lenda sobre este lago conta que foi o mesmo Xesús Cristo quen apareceu en Valverde pedindo polas casas, e foi unha señora con dúas criaturas xémeas quen lle deu de comer. Pero cando a muller fuxía o escoitar o ruído deulle un desmaio  quedou morta, salvandose somentes as súas criaturas, que aboiaron no berce. E de aí ven o nome de Doniños.
 




 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...