OOOOOOO ANDA!NA OOOOOOO

Revista Galega de Pensamento Feminista

 

 

Nº 22Segunda época MARZO 99

Sumário

Editorial

O Falar non ten cancelas

Cháma-se Violéncia de xénero

Unha carreira de Atrancos

 

Dossier: Dereitos? Humanos'???......

Entrevista : Maria Xosé Queizán

História do número (2ª parte)

Tendéncias Publicitárias do S.G.I.

Andamios para unha nova cidade

 Contraportada : Hannah Arendt

 

Volver ao sumário

Volver a ANDA!NA 

 


  • OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO
  •  

    Editorial

    Os cambios acontecidos nos últimos anos ( liberación dos anticonceptivos, separación de sexualidade e maternidade, e o difícil acceso ao mundo laboral coa independéncia económica que conleva, a igualdade formal ante a lei, o dereito ao divorcio... ) permiten-nos decidir sobre as nosas vidas cunha independéncia e liberdade da que non gozaron as nosas nais.

    Pero aínda que admitamos a importancia destes avances, quedan-nos moitas barreiras que salvar para que as mulleres alcancemos unha verdadeira equidade con respecto aos homes. Os cambios sociais son lentos e non todas as mulleres teñen as mesmas oportunidades, dependen da súa procedencia social e da educacion recibida.

    Hai ademais, situacións e actitudes que non variaron substancialmente e que se dan en todos os estratos sociais. O rexeitamento social da violéncia contra as mulleres medrou nestes últimos anos pero o número de mulleres maltratadas, violadas ou asasinadas a mans de homes non diminuiu. Segue a haber homes que consideran as mulleres obxectos da súa propiedade nos que desafogar os seus instintos agresivos, e segue tamén a haber mulleres que sofren estas agresións como algo "normal" porque viron sufrir antes a súa nai ou a outras mulleres da súa familia, e mulleres que agardan o miragre de que un día o amor faga cambiar os compañeiros que as maltratan. Non hai un átomo de amor no maltrato, pero moitas prefiren pechar os ollos por medo e vergonza antes que enfrontarse coa realidade.

    Está demostrado que a maioria das violacións producen-se no entorno familiar, e que os a fillos de pais que maltratan a súa familia son potenciais agresores ao chegaren a adultos, e á súa vez, as fillas destas familias son víctimas potenciais. Por iso a responsabilidade de eliminar esta violéncia de xénero é de toda a sociedade; dos xuices e da policia demasiado comprensivos ás veces coas "pelexas familiares·", das familias respectivas que calan para evitar o escándalo, dos veciños que non se queren meter na vida dos demais, das amigas que escoitan apenadas as confidéncias sen animar a denuncia-las, dos educadores destes nenos e nenas que non se molestan en comprobar as primeiras sospeitas e das próprias mulleres que a sufren.

    Desde a violéncia nada se pode construir, por iso mentres existan homes que se crean con dereito a pegar ou violar a unha muller e mulleres que sufran caladas estas situacións, todos os avances que poidamos conseguir serán moi limitados

     

     

    Volver ao sumário 

     


    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO

     

    O FALAR NON TEN CANCELAS

     

    1.- "Hoxe fallei pero a próxima vez matarei-na". Palabras dun home que agrediu "a sua muller" nun centro sanitário.

     

    2.- Nun xuízo por maus tratos o acusado xustificou-se dicindo: "Sr. xuíz, vocé é un home de cultura e cando ten un problema coa sua muller discute. Eu non teño cultura e cando pelexo con ela non sei como lle explicar que teño razón de dou-lle un par de hóstias".

    Ainda asi nas 17.000 denúncias por maus tratos do pasado ano hai moitos homes de cultura.

    3.- E para cultura e por máis promocionada pola Xunta as cancións de Antonio Machine. Á Consellería de Família levou un bo susto cando soubo que promocionaban cancións que falan de temas tan escuros como de homes que pegan as mulleres, sexo ou drogas.

    A Delegada de Família en Pontevedra, Sagrário Franco, xustificou deste xeito o engano coas letras : "Non as coñecíamos porque as que presentou ao concurso eran totalmente superficiais. Eu mesma estiven na final (do concurso de Lalín) e eran unhas cancións do máis inocentes, que falaban de tonterías, nen sequera pensei que fose gañar".

    Nítida mensaxe: se son tonterías poden ser subvencionadas pero se falan de problemas cotiáns son tema tabú. Claro que na crítica ás cancións luciron-se non só a Consellería senón tamén todos os grupos parlamentários... Ou sería que todos falaban sen coñecer as letras?. Porque postas a criticar, como é que a ninguén se lle ocorreu perguntar que fai a Xunta promocionando un disco en castelán.

    Volver ao sumário 

     

     


     

    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO

     

    CHAMA-SE VIOLÉNCIA DE XÉNERO*

     

    <

    descubrín que, debaixo, tiña outras pálpebras>>

    Adrienne Rich

    MAICA RODRÍGUEZ

    Viver na aldeia global, significa sentir-se desbordada pola información, orfa de éticos filtros e desatendida da nosa posterior análise. O esquema é ben simple:

    Emisión é Mensaxe é Recepción. (Ponto e final).

    Reunimos cifras sen sentido algún e o problema está en que xá veñen contaminadas. O rigor perde-se no deseño, na recollida e na interpretación dos dados, esquecendo a construción teórica e o critério de cómputo uniforme. Mas... outro castigo: amnésia ante a variábel xénero, todavia excluída da investigación empírica.

    Asín, un dia mais, a caixa máxica di: <episódio de violéncia doméstica en...>> Chaman-lle "episódio"; chaman-lle "violéncia doméstica", (ás veces, "violéncia familiar").

    SOBRE O "EPISÓDIO"

    Episódio, suceso entre-lazado con outros que forman un conxunto. A frecuéncia, nos médios de comunicación, dos casos de maus tratos a mulleres, converte-os en Capítulos, anacos dun todo.

    De certo, non se equivocan, a agresión á muller constitúe un síndrome, non é un feito isolado. Outro tema será o porqué desta constante atención (sen ter en conta a que promove o sensacionalismo). Entón, pensaremos no esforzo do movemento feminista, e da muller, que, ao longo da história, ten denunciado a desigualdade por razón de xénero. A presión social exercida e os logros acadados, conlevan á introdución da violéncia cara as mulleres como un apartado mais (issue) da Axenda Pública. Afortunadamente, non se trata dunha efímera moda.

    Os Governos e as Administracións Públicas, nos seus distintos níveis (internacional / europeu / estatal / autonómico / local), acollen certas demandas do feminismo dende unha óptica da igualdade de oportunidades. Deste modo, e dende un plano específico, enfocado cara a povoación feminina vítima de maus tratos, observamos as seguintes actuacións:

    RECENTES INICIATIVAS

    ÁMBITO

    INTERNACIONAL

    ÁMBITO EUROPEU

    ÁMBITO

    ESTATAL

    (transferido no 1983)

    ÁMBITO AUTONÓMICO

    ÁMBITO

    LOCAL

    -IV Conf. Mundial de Mulleres, "Plataforma para a Acción", O.N.U., 1995.

    [Área específica de violéncia]

    -IV Programa de Acción Comunitária a Meio Prazo para a Igualdade entre Mulleres e Homes (1996-2000).

    [Obxectivo 5 sobre a realización da execución dos dereitos das mulleres].

    -Plan de Acción contra a violéncia doméstica (1998-2000); Abril, 1998.

    -Informe do Defensor del Pueblo sobre "Violéncia contra as Mulleres"; Setembro, 1988.

    -III Plano de Igualdade de Oportunidades das Mulleres galegas (1998-2000).

    -Orde do 1 de Abril de 1997, sobre os requisitos dos Centros de Acollida.

    Programación dos Centros Municipais de Servicios Sociais.

    O Plan de Acción contra a Violéncia Doméstica (1998-2000), elaborado polo Consejo de Ministros, recoñece a violéncia contra as mulleres como un problema de Estado. Certamente, aos poderes públicos a á administración compete a resolución desta grave problemática; mas, será tambén responsabilidade doutros poderes... médios de comunicación, profesionais, cidadania e sociedade.

    SOBRE A VIOLÉNCIA "FAMILIAR" OU "DOMÉSTICA" E A <>

    A muller, pola sua CONDICIÓN DE MULLER e como consecuéncia do role social que desempeña, é vítima dunha série de delictos no médio familiar, laboral e social. Este contexto ven dado polo arraigo de determinados elementos sócio-culturais, ideias e mitos que permanecen na sociedade, cronificando a situación.

    Precisamente estes condicionamentos sócio-culturais serán os que marquen, na sua orixe, manifestación e consideración, o carácter independente da violencia de xénero en relación a outros tipos de violéncia inter-persoal. Por estas razóns, a violéncia cara a muller non se debe confundir co maltrato infantil nen se debe calificar, erróneamente, como "familiar" ou "doméstica".

    As agresións familiares xeralizadas aparecen en cadros de famílias desestructuradas e os factores que precipitan a agresividade son mais obxectivos (adiccións e patoloxías). Nestes supostos, non se repite, necesariamente, o esquema Agresor-Víctima; ademais, o entorno no que sucede é -sempre- o doméstico.

    Pola contra, o maltrato á muller produce-se, incluso, fóra do ambiente da família. Comproba-se, nos seguimentos ás afectadas, que unha vez finalizada a relación familiar (logo de separacións ou divórcios) os maus tratos continúan e se agravan.

    Normalmente, define-se o síndrome de maltrata á muller como o conxunto de lesións psíquicas, físicas e sexuais resultantes das agresións REPETIDAS, levadas a cabo polo home sobre a muller á que está, ou estivo, unido mediante unha relación de afectividade. Esta descrición semella estar consensuada nas diferentes profesións que traballan este campo: no ámbito da Mediciña Forense (Protocolos de Actuación Clínica), na psiquiatría e mesmo na normativa autonómica; na Orde do 1 de Abril de 1997, reguladora dos Centros de Acollida para mulleres maltratadas da Comunidade Autónoma galega, contempla-se esta definición. Endebén, non se inclúen outros vencellos entre a víctima e o agresor, fóra desta relación de afecto.

    No 1997, a Casa da Muller de Compostela recollía un dado salientábel: o 17% do total das usuarias neste ano ingresaban debido ás agresións recibidas polos seus fillos. Esta cifra é merecedora de estudo; se ben, os obstáculos para a investigación son importantes debido á imprecisión das fontes secundárias.

    Lembremos que as últimas porcentaxes sobre o número de denúncias recollidas polo Ministerio del Interior non coinciden coas da Fiscalía General del Estado. Á vista deste desfase, o Defensor del Pueblo, no seu Informe de Setembro, recomendaba ao órgao competente na elaboración de estatísticas xudiciais (Consejo General del Poder Judicial), a recompilación fiábel dos delictos de ameaza, lesión e agresión sexual. Este desaxuste de porcentaxes –precisamente nestes organismos- é sintomático da despreocupación cara a temática de xénero, agravando-se no caso concreto da violéncia cara a muller. A muller maltratada volta a ser maltratada... agora, dende a instáncia pública que estuda a sua situación e a asiste.

    Sen metáforas, esta problemática é ben coñecida dende os poderes públicos, a eles corresponde a configuración xeral dun sistema integrado de prevención e protección social. Asín, dada a situación de extrema indefensión das mulleres vítimas de maus tratos, resultará obrigada a implementación e avaliación dos Programas de Atención Social Especializada, corroborando a adecuación dos Centros de Acollida como verdadeiros espazos para a reflexión e a promoción da sua AUTONOMIA PERSOAL.

    OS CENTROS DE ACOLLIDA PARA MULLERES MALTRATADAS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

    Resultará imposíbel estabelecer critérios homoxéneos coa fin de nomear aqueles compoñentes definitórios dun Centro de Acollida. A rede de Casas e Vivendas Tuteladas apresenta características moi dispares no referente a ideoloxia, obxectivos, protocolos de intervención e recursos (humanos e materiais).

    A estes efectos, o único guión co que contamos ven dado pola Orde do 1 de Abril, na que se regulan os requerimentos específicos para a acreditación destes Centros. Esta normativa foi confeccionada grácias ás propostas elaboradas polas distintas traballadoras da rede asistencial.

    Acouta-se o acceso para:

    Consonte a esta Orde, os Centros de Acollida ofeceren aloxamento, de forma temporal e con carácter de urxéncia, que será de trés meses nas Casas de Acollida (podendo prorrogar-se por outros trés meses mais); nas Vivendas Tuteladas, de segundo nível ou estancias longas, a estadia máxima será dun ano. A capacidade, no seo de cada Centro, está estipulada nun total de 30 prazas (incluindo aos/ás menores que acompañan á muller no seu ingreso e dos que se limita a idade no caso dos fillos varóns).

    O organigrama de persoal recomendado é o seguinte: Directora-Coordenadora, Persoal auxiliar, Persoal administrativo, Avogada e Traballadora social.

    No suposto das Casas de Acollida, a directora e o persoal auxiliar terán unha adicación exclusiva ao Centro. O resto do persoal poderá ser concertado coas Administracións Públicas (normalmente a municipal).

    Por fortuna, a interpretación desta normativa volta-se flexíbel, adaptando-a ás necesidades de cada ún dos historiais: non sempre se esixe unha denúncia prévia ou se limita a idade aos menores; asín mesmo, as mulleres con enfermidades infecto-contaxiosas terán a posibilidade de que o seu caso sexa reconsiderado para o ingreso.

    Mas, non todo son felicitacións. Nada se di das Casas de Acollida como espazos necesariamente abertos á comunidade, que rachen co secretismo ou sobre as recomendacións de se afstar das grandes institucións (aumentar as prazas, nun mesmo Centro, resultará incompatíbel cos protocolos de intervención nos seus diferentes níveis: crise / asesoramento / tarápia ). Outras caréncias, mais obvias, nos recursos materiais e nos organigramas de persoal, limitan a calidade ofertada desta asisténcia, que se apresura en chamar "integral". Nengún Centro está acondicionado para facer fronte a minusvalías físicas e, nalgunhas Memórias de balance do ano 1997, a dirección das Casas de Acollida, demanda novas prazas.

    ÁREA DE COBERTURA DOS CENTROS DE ACOLLIDA

    1986 1987 1988 1989 1990 1991 1992 1993 1994 1995 1996 1997 1998 1999  
                                A CORUÑA
                                CULLEREDO
                                FERROL
                                LUGO
                                OURENSE
                                PONTEVEDRA
                                SANTIAGO C.
                                VIGO

    Nº DE PRAZAS(*)

    (Dados recollidos en Novembro de 1998)

    LOCALIDADES

    PERSOAL DOS CENTROS E PERSOAL TÉCNICO DE APOIO

    15

    A CORUÑA (Casa de Acollida) Servicios Sociais Municipais

    7

    CULLEREDO (Pisos tutelados, cumpre as funcións de Centro de 1º e 2º nível) Servicios Sociais Municipais

    20

    FERROL (Casa de Acollida) Servicios Sociais Municipais

    12

    LUGO (Pisos tutelados) SS. Sociais Municipais (área da muller)

    25

    OURENSE (Casa de Acollida) Fundación San Rosendo / SS.Sociais / Centro de Información á Muller (CIM)

    20

    PONTEVEDRA (Casa de Acollida) Cáritas Interparroquial dePontevedra

    10

    SANTIAGO DE COMPOSTELA (C. Acollida) Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller "Alecrín"

    30

    VIGO (Casa de Acollida) Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller "Alecrín"
    (*) Existen outros Centros, xestionados por relixiosas, catalogados e subvencionados como "Casas de Acollida"; é o caso do Patronato Concepción Arenal, en Ferrol e Betania de Jesús Nazareno, en A Coruña. Porén, non se adican, exclusivamente, a problemáticas de Maus Tratos.

    As prazas computadas en cada ún dos Centros, incluén tambén as dos fillos e fillas, que acompañan ás mulleres na maoiría dos ingresos, co cal se reduce a área de cobertura.

    Destaca o feito de que non sempre as/os menores que ingresan son vítimas de maus tratos; en ocasións, nen sequera testemuñas das agresións físicas. Este suposto está, ainda, por estudar e axudaria a demonstrar a natureza independente do síndrome de agresión á muller (alléio ao fenómeno de maltrato infantil e ao da violéncia familiar / doméstica).

    O que si se constata é a violéncia psíquica e a aprendizaxe dos roles patriarcais de xénero. Asín, o persoal auxiliar (que realmente convive, as 24 H., coas residentes nos Centros), observa diferentes atitudes comportamentais nos rapaces e nas rapazas. A pesar de que tanto elas como eles exercen presión sobre a nai, culpabilizando-a da sua situación de desarraigo, serán os nenos os que, maiormente, repitan a conducta do agresor (desprezo e abuso verbal). As nenas adoitan, antes que os rapaces, posturas de pasividade e submisión, mas, tambén manifestan agresividade.

    Semella que, ante un xiro, é mais probábel que os roles sociais nas rapazas se tornen en tradicionalmente masculinos. Non acontece o mesmo á inversa. Isto é perfeitamente asumíbel dende a óptica da muller como reprodutora da cultura ou da "misoxínia romántica": a muller en función dos demais, privada do sentimento de propriedade dela mesma.

    A clave é ben simple. Só atoparemos maiores expectativas de igualdade coa construcción de novos modelos de relación inter-persoal. Éste é o obxectivo prioritário dos Centros de Acollida: acadar unha convivéncia normalizada, un ambiente relacional-emocional saudábel (a saúde é o perfeito estado de ben-estar bio-psico-social); haberán de modificar-se comportamentos e atitudes, a través da aprendizaxe doutras relacións humanas.

    A nível macro, este proxecto de futuro tambén existe. Chama-se utopia social. Yona Friedman definiu-na nos setenta: as utopias nascen dunha insatisfacción coleitiva e surden porque hai un remédio coñecido: un cámbio de conduta.

    Mas...unha utopia non pode chegar a ser realizábel se non se acada un consentimento colectivo. Neste momento xace a dificuldade, unha dificuldade que non só é debida ao pronóstico multidisciplinar da agresión á muller, se non tambén, ao grave afastamento dos homes de todos os nosos cámbios. A sua insatisfacción é, precisamente, necesária.

    Mágoa que os condicionamentos sócio-culturais botasen tanta raiz, outorgando-lles priviléxios. Xá se sabe do improcedente de determinadas ervas.

    Volver ao sumário 

     

     


     

    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO

     

    Pola calidez da vida.

    Unha carreira de atrancos.

    (A Gloria Soneira, coautora do traballo: Asmulleres e o deporte. "Unha carreira de obstáculos", premiado polo Ministerio de Educación. Destetraballo están tirados os datos deste artigo.)

     

    Sabela Álvarez Núñez.

    O deporte moderno nace ligado ós clubs e ás sociedades da burguesía inglesa no século XIX. Nun principio o deporte nace como un simple xogo, mais a finais deste século estes xogos van collendo prestixio e comezan a ser regulamentados e a organizárense competicións entre os diferentes clubs. Neste primeiro momento as mulleres non eran admitidas nestes clubs e tiveron que vencer moitas dificultades ó longo da historia para acceder ó mundo do deporte. A presencia, pois, das mulleres no deporte non foi unha conquista doada e aínda hoxe non é unha actividade totalmente normalizada. As causas que explican esta situación, trataremos tamén de analizalas neste traballo.

    Os deportes, de acordo coa sociedade e cultura patriarcal, foron separados en masculinos e femininos por seren seleccionados estes en base "á natureza", é dicir, á forza física para os varóns e a gracia, delicadeza, vistosidade... para as mulleres. Socialmente, pois, os deportes víronse acompañados -e aínda se seguen acompañando- da etiqueta masculinos e femininos, e homes e mulleres elixen e practican aqueles que son considerados propios do seu sexo, por veren nestes máis posibilidades de éxito e menos dificultades para os realizaren. Así son considerados propios de mulleres: natación, tenis, ximnasia, básquet, patinaxe, certas probas de atletismo... O abano para os homes é moito máis amplo e non hai necesidade de citar exemplos.

    Todo isto conleva un reforzo dos estereotipos sexistas e da división dos deportes por sexos, tan enraízados na sociedade e que impedirán que homes e mulleres dean o paso para traspasar esoutras prácticas de "non axeitadas" para el ou ela.

    Hoxe, é certo que hai mulleres en especialidades tan masculinas como o lanzamento de martelo ou karate e noutras como ala delta, parapente, piragüismo, hípica, iudo... mais aínda non vimos homes en ximnasia rítmica.

    O acceso das mulleres ó deporte foi un longo camiño con moitos atrancos mais, a pesar disto, houbo mulleres excepcionais que destacaron ó longo da historia do deporte. Citaremos só algúns exemplos:

    Jeriette D´Angeville pode ser considerada a primeira alpinista da historia. Escalou o Mont Blanc nos Alpes, ós corenta e catro anos. Naceu en 1794 e morreu en 1872.

    Mary Kingsley foi a primeira persoa que ascendeu ós grandes montes do Camerún (4.070 m.) en África Occidental. Esta muller naceu en Londres en 1862, percorreu unha zona moi perigosa de África, acompañada só duns indíxenas. Foi unha muller cun grande sentido do humor, o que lle axudou a enfrontarse á incomprensión da época. Viviu en África ata a súa morte.

    Naomi James foi a primeira muller en da-la volta ó mundo, soa nun veleiro, superando tódalas marcas de velocidade acadadas ata ese momento. Foi no ano 1978 para a sorpresa do mundo enteiro.

    Nerea Ariz, unha rapaza vasca de quince anos, acadou a mellor marca en montañismo. Subiu ó Aconcagua (7035 m) no ano 1990 acompañada da súa nai e irmá. Naquel ano estudiaba 1º de BUP.

    A inglesa Fionna Campbell, ós seus só 26 anos, percorreu 26.4000 quilómetros, converténdose na trotamundos de máis sona da terra. Percorreu África a pé, desde a Cidade do Cabo ata Tánxer. Acadou tamén, en 1988, a mellor marca en Australia, ó se-la persoa que máis quilómetros andou a pé: 5000 quilómetros en 95 días. Percorreu tamén EEUU, andando desde Nova York ata a cidade de Os Ánxeles. Cando esta muller tiña tan só 16 anos xa percorrera andando todo o seu país.

    En 1986, cando Severiano Ballesteros se converteu no número un en Europa, un equipo de tres mulleres españolas, Laura Navarro, Estefanía Knuth e Macarena Campoamor conseguen o número un no Campeonato do Mundo de Golf de afeccionadas. Seis anos máis tarde, estas tres mulleres conseguen, en Vancouver (Canadá), se-las número un do Campeonato do Mundo, gañando ás mellores representacións do golf "amateur" de 31 países e sobrepasando ós equipos masculinos.

    Un dato significativo é que aínda hoxe seguen existindo os controis de sexo para as mulleres nos Xogos Olímpicos. Aquelas mulleres deportistas que teñen un corpo que non responde ó estereotipo feminino deberán pasar por esas probas. Nos Xogos Olímpicos de Barcelona foron varias as mulleres que necesitaron verifica-lo seu sexo mediante unha proba de xens. Foi o COI (Comité Olímpico Internacional) quen introduciu os controis de sexo, realizándose os primeiros en 1966 en Budapest. Este organismo afirma que estas probas son para dar "igualdade de oportunidades ás mulleres", mais pensemos que se non existe a necesidade de preocuparse polos homes, ¿por que existe para as mulleres?

    Por último, analizarémo-las razóns que explican os atrancos que as mulleres sufriron para acceder ó deporte, as cales son de tipo social ou psicolóxico:

    1. Trátase dunha actividade de tipo social e pública, só reservada, nun primeiro momento, ós varóns. Isto ten a súa orixe no reparto da división sexual do traballo, polo que ás mulleres lles correspondeu a esfera do privado e do doméstico e ós homes a esfera do mundo social e público. Esta división baseouse na capacidade e potencialidade reproductora das mulleres e, en base a isto, asignaríaselles a elas a esfera doméstica e do privado. Este trazo natural e biolóxico -o de parir- foi levado ó plano social e cultural sen ningunha razón lóxica, creándose así ese sistema social de traballo binario tremendamente inxusto e arbitrario, xa que este non está en función das capacidades, habilidades, gustos persoais e eleccións de cadaquén senón en función de nacer pertencendo a un sexo ou a outro.

    2. Concepción limitada e tradicional, da muller e do seu corpo, baseándose nesa capacidade e potencialidade reproductora, é dicir, nese trazo natural e biolóxico -o de parir-.

    3. Os estereotipos sexistas -prexuízos sexistas- moi enraizados na sociedade e que viñeron dicindo que o deporte masculinizaba a muller, que prexudicaba a súa maternidade, que ela non estaba capacitada de maneira natural para o deporte, que falaban da tradicional concepción do corpo feminino...

    4. O deporte leva implícito o desenvolver un espírito de loita, de competividade, de autonomía, de coraxe, de fortaleza... e a educación das mulleres estaba -e aínda o está- en contradición con estes valores. Estes son valores potenciados, e considerados case innatos nos varóns. Son valores, aínda considerados hoxe, case exclusivamente, como masculinos e que, por tanto, a educación silencia e apaga inxustamente nas nenas. Pola contra, potenciará nelas valores como a sensibilidade e a tenrura, mentres que estes últimos lles son negados tamén ós nenos.

    5. Causas psicolóxicas que condicionan a elección do ser humano. É certo que hoxe hai igualdade de dereitos e que elas e eles poden elixir, mais se a educación e os modelos culturais da sociedade non cambian, elas e eles reproducirán os modelos do seu medio; é dicir, están a disposición do ambiente; a disposición elas, do que se espera delas, e eles, do que se espera deles, e pensemos que delas, a sociedade, non espera grandes cousas, deles, si. Téñase en conta que a liberdade non se dá gratuitamente, hai que aprender a construíla e para iso é necesario dispoñer de todo o abano de posibilidades para, logo, poder elixir sen ningún tipo de condicionamento. Haberá, pois, que ensinarlles novos valores a elas e a eles para que ambos poidan desenvolver tódalas súas capacidades, cualidades e gustos persoais nun marco de total liberdade. Daquela, e só así poderá estar todo esto presente, xa desde a primeira infancia do neno ou da nena, manifestándose, xa que logo, a través dos xogos, exercicios físicos, deportes, eleccións e en todo o seu potencial, afectivo e intelectual. E unicamente así lles será posible elixir, en función desas capacidades e gustos persoais e con total independencia do sexo ó que pertencen, o que quere dicir, sen bloqueos nin mutilacións, nin para unhas, nin para outros.

    Volver ao sumário

     


    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO

     

    MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

    Ela é unha desas mulleres que excusa presentación. Nacionalista, pioneira do feminismo galego, profesora de galego en bacharelato, escritora prolífica que vai tocando tódolos xéneros literários, sabe do tesón e do esforzo que requiren os pequenos avances sociais, sabe do amor e o esforzo na procura das palabras que den forma ao pensamento.

     

    Laura Gómez

    A: No pasado ano 1998 sae do prelo a tua obra Misoxinia e racismo na poesía de Pondal, que deu moito que falar, tanto en prensa escrita como en programas de radio ou debates televisivos. Tamén en outubro do pasado ano recibes unha homenaxe da Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG), que propón, ademais, ao Concello de Vigo dar o teu nome a unha rua da cidade. Co gallo desta homenaxe, Xerais fai unha fermosa edición do teu relato, O solpor da cupletista. A Fundación Caixa Galicia remata de publicar Viguíssimos, libro no que figuras entre outros persoeiros vigueses e viguesas. Quere isto dicir que certas cousas van cambiando nesta sociedade para algunhas mulleres con voz própria?

    MXQ: Si, evidentemente este foi un ano de ruptura do teito. A verdade é que este prémio da Asociación de Escritores é importante que se dé a unha muller e que se dé a unha escritora das miñas características. É romper con cousas e esto é importante para esta sociedade. Eu alegro-me pola sociedade, tamén por min, pero fundamentalmente polo que eso significa. Sempre fun unha escritora moi incómoda, sempre me tocou poñer o dedo na chaga en moitas cousas e en anos atrás era unha espñécie de bruxa, os meus libros foron silenciados, esto é unha realidade. Claro, son moitos anos traballando tamén, aqui se xunta o meu traballo e ademais que a sociedade vai avanzando un chisco e de aí resulta que algo saia do siléncio e que se recoñezan certas cousas.

     

    A: Remontemo-nos anos atrás, a 1976, data en que escrebes "A língua galega e a muller", que pertence a obra A muller en Galicia (1977), e que tiro da escolma de artigos aparecidos no teu libro Evidéncias (Xerais, 1989). Nese capítulo, dis textualmente: "No caso do galego, coido que os lingüistas teñen que ser particularmente estrictos. Precisamente polo feito de que o galego queda-se reducido a unha língua de paisanas. Porque o galego perdeu o tren do Renacemento e da Ilustración". Como era, daquela, escreber en galego sen o apoio dunha normativa gramatical?

    MXQ: Cando empezaron a escribir en galego os escritores do Rexurdimento, Rosalia por exemplo, tiveron que empregar a língua oral porque non tiñan modelo escrito, incluso descoñecían a existéncia da literatura medieval galega. Escribir en galego ten un dobre traballo, o traballo que a escrita pode ter en calquera outra língua normalizada pero, a maiores, ten o traballo de ir construíndo unha língua literária, porque como todo o mundo sabe non é igual a língua oral que a língua escrita en ningunha língua do mundo. Ir creando unha língua literária foi algo que levou o seu tempo, agora hai unha maior calidade lingüística no galego pero porque antes se encargaron de ir desbrozando estes eidos un pouco asilvestrados.

    A: Referia-me máis ben a esas datas, anos setenta, en que comenzan a facer-se as primeiras normativas.

    MXQ: Ben, eu empecei a escreber nos anos sesenta e a miña primeira novela é do ano 1963, logo saiu no 65, entón eu non tiña máis que as leituras que podía facer de escritores galegos. O mellor, nun mesmo texto, tiña distintas opcións, porque me parecía que asi era máis divertido, algunhas destas opcións hoxe, evidentemente, habería que desbota-las. Escribiamos un pouco por mimetismo, porque non habia estudos de galego. Eu son da primeira promoción de licenciados en galego-portugués e rematamos no ano 1979; é dicer no ano 1979 saen as primerias persoas licenciadas en galego na história deste país. É moi recente todo.

     

    A: Que futuro lle agarda a língua galega, nunha situación de diglósia e con tres sistemas normativos diferentes en uso: o chamado galego normativo, o galego reintegracionista lusista, e o galego de mínimos, proposto pola Mesa pola Normalización Lingüística?

    MXQ: A min non me parece perigoso nin conflictivo que coexistan distintas interpretacións de como debe ser a normativa galega, unha normativa lingüística non se fai da noite para a mañán, en castellano tardou séculos, o galego tamén o temos que usar e ir vendo. O perigo do galego non é a normativización senón a normalización, desde o meu ponto de vista, aí si que hai un problema e o problema é político. Evidentemente, o galego manterá-se se o pobo galego decide mante-lo e se a política coincide con esas aspiracións. As situacións de bilingüismo social realmente non existen. Hai aspectos que nos conducen ao optimismo e outros que nos conducen ao pesimismo. Eu non quero facer de profeta. Espero que se manteña, ainda que non chega coas boas intencións. Cando na clase de galego se propón este tema o alumnado di: "Que va, non, o galego non pode desaparecer! " Pero en canto saen da clase falan castellano. Ten que haber unha vontade decidida por parte das autoridades, que teñen que poñer as canles para iso, e logo a vontade popular de que iso sexa así.

     

    A: A meirande parte dos críticos e escritores/as en língua galega, coinciden en comentar a "boa saúde" da literatura galega. Que botas ti en falta?

    MXQ: Eu diría que a poesia sempre tivo moi boa saúde en Galiza e que, sobre todo nos últimos tempos, a poesía de mulleres é moi importante, moi variada e de moita calidade. Creo que aí estamos a un nivel co que podemos presentar-nos en sociedade. A narrativa, xa non tanto. A narrativa de mulleres xa é moito máis escasa. A narrativa en xeral ten un nível moi bo, moi digno, ás veces a xente non sei o que quere, nen o que pide, nen o que le noutras línguas. Se a comparamos, desde logo, coa literatura castellana non tería ningunha dúbida en dicer que moi ben.

    O que boto en falta na literatura galega é un pouso máis realista e un reflexo maior da sociedade. En Galiza hai un exceso de literatura fantástica, un ir-se a outras épocas e incluso a mitos, desde Cunqueiro até os nosos días, hai un escapismo excesivo cara a ese tipo de literatura. Non é que eu diga que ese tipo de literatura non está ben, non, senón que creo que ten que haber o peso dunha literatura que quede como testemuña da realidade. E máis, no caso de Galiza, que é un país que non tivo história até agora realmente, unha literatura que contara como foi a realidade social noutras épocas históricas é moi necesaria. Cousas tan importantes, incluso no peor sentido, como pode ser o narcotráfico, onde están as novelas do narcotráfico?; onde están as novelas que nos falen dos nosos problemas, da emigración?, a emigración está tratada como unha lenda, aí hai tantas e tantas novelas... e variadas. Gustaría-me que houbese máis este tipo de literatura, non xa por razóns literárias, de gusto literário, senón, sobre todo, por razóns socio-históricas.

    As histórias das mulleres deste país están sen contar, é unha lástima que non haxa narradoras que nos conten das mulleres nos distintos aspectos. Porque as mulleres en Galiza foron fundamentais e foron sempre traballadoras... O que fixo a Pardo Bazán (La tribuna), cantas "tribunas" habería que escreber? Hai tantos ofícios, tantas mulleres con tantas histórias... e van morrendo, e non as sabemos. Eu escribín Amor de tango, que é contar un anaco de história, para iso tiven que me documentar. Pero hai mulleres que teñen moitas histórias. Habia que dicer-lles iso as mulleres, que deixasen rexistradas as histórias ainda que non saiban escribir, que as deixen gravadas, escritas, como sexa, para que logo iso se poida reelaborar e non se perdan.

     

    A: Que está a pasar co noso teatro?

    MXQ: O teatro, a verdade é que é un xénero que en galego non tivo moito cultivo. A miña opinión é que se empezou a casa polo tellado, cando se creou aquí o Centro Dramático Galego tiñan que ter creado un Instituto do Teatro. Hai que empezar por formar directores, actrices, actores... A concepción do teatro como afición está ben para unha función de coléxio. Considero que todo ten que ter unha aprendizaxe séria e rigorosa e aquí non se empezou por aí, hai un problema básico na concepción teatral do país. O teatro é unha cousa histriónica, e precisamente por esa caréncia. E creo que o teatro debe ter ademais, hoxe en día, outros obxectivos máis terapéuticos incluso, máis formativos, pode abarcar moitos aspectos e hai que interpreta-lo en función de diversas cousas, non tanto como aquel espectáculo de sempre.

     

    A: A que coidas que se debe o feito de que estea tan espallada esa opinión de que creatividade literária e compromiso político non fan unha boa combinación?

    MXQ: Eu considero que a ideoloxía é inseparable de calquer comportamento humano e polo tanto de calquera creación humana. O que pasa é que parece que se considera que só temos ideoloxía a xente de esquerda. Cando a xente di que é apolítica xa sabemos por onde van os seus intereses e os seus desintereses. Nada é neutro e a literatura, desde logo, tampouco. A miña posición ten un compromiso ideolóxico como ponto de partida a hora de propor a obra literária. Non todo o mundo parte do mesmo, pero a ideoloxia está en todo texto literário. A auséncia de compromiso tamén o é. O panfleto é o panfleto e a literatura é a literatura, son xéneros diferentes. Unha obra literária pode ser de extraordinária calidade e transmitir ideoloxía, tanto de direitas como do esquerda.

     

    A: Para encher que valeiro ou cubrir que necesidade xorde no ano 1983 a revista que ti coordinas, Festa da palabra silenciada?

    MXQ: A Festa da Palabra Silenciada nace coa idea de facer unha revista elaborada exclusivamente por mulleres e con unha traxectória cultural con ollada feminista. Ten un peso maior literário porque dentro da nosa sociedade temos menos mulleres científicas ou menos mulleres arqueólogas... a maior parte do mundo das mulleres en Galiza está moi focado no aspecto literário. O resultado é que xa está acuñado por críticas de arte o movemento literário, poético fundamentalmente, da Festa da Palabra Silenciada. Na medida en que se uniron as voces das nosas poetas maiores, Pura e Dora Vázquez, Luz Pozo Garza, xunto coas que agora teñen libros publicados e que se iniciaron publicando os seus poemas na Festa..., ou relatos, xunto a traduccións de escritoras foráneas, foi-se creando un caldo de cultivo importante. Aí se falou de todos os libros de mulleres que saían cada ano en Galiza. Foi a casa común de todas as escritoras galegas. Polo feito de que fora eu quen realizara a Festa..., que son unha muller independente, tivo un aspecto moi importante, ao meu ver, que foi que aí están unidas mulleres de distintos partidos e tendéncias, que ao princípio chocaba un pouco, mulleres que estaban no PP, no PSOE, no Bloque, noutro partido ou en ningún, cousa que non sería posible noutras publicacións e tampouco nas publicacións masculinas, que parecía que estaban moi marcadas, sobre todo hai uns anos. E a pesar desta enorme amplitude, é feminista, soubémo-lo levar de modo que houbese unha coheréncia. Serviu tamén para dar a coñecer o feminismo, distintos aspectos, distintas correntes. Hai temas monográficos dedicados a variados aspectos e logo a figuras literárias importantes, tanto galegas como españolas.

    Acaba de saír o número 14, que está dedicado a arquitectura e urbanismo, é un número no que a Festa... cámbia, porque deixa de ser unha revista de mulleres para ser unha revista feminista pero con publicacións masculinas tamén; está aberta a que publiquen certos homes, tanto polo aspecto das vangardas como pola reivindicación da igualdade das mulleres. Consideramos que estaba cumprida esa primiera etapa na que as mulleres necesitábamos reivindicar-nos, unir-nos e necesitábamos o orgullo de dicer "isto facémo-lo nós"; e poder dicer tamén "a ver que pasa nas outras revistas literárias de Galiza, que non aparecen mulleres?", e cando respostan "non, é que non hai", "como que non hai?, mira a nómina da Festa da palabra..., extensísima". Pero agora esa etapa xa está vencida, as mulleres xa están publicando os seus libros, xa están saíndo do siléncio e entón entramos noutra etapa, a palabra "silenciada", vai 'silenciada', vai pequeniña...

     

    A: No grafismo?

    MXQ: Sí, no grafismo, vai disimulada, queremos chamarlle Festa da palabra.

     

    A: Volvendo os teus ensaios de carácter feminista, A muller en Galicia (1977), Recuperemos as mans (1980), Evidéncias (1989), resistirían hoxe unha revisión crítica, en canto a presupostos feministas, pola túa banda?

    MXQ: Ben de feito, o meu libro de ensaios anterior ao de Pondal, Escrita da certeza, incluso pode que eu o diga en ocasións, da conta de que xa non suscribiría moitas das cousas que teño escrito, tanto en Recuperemos as mans como en Evidéncias. Está claro que o pensamento feminista avanza e eu tamén, non estou de acordo xa con moitos presupostos que defendía hai anos. As células cambian, as persoas tamén, os pensamentos... vas evoluindo e espero continuar.

    A: Sen contar os seus comenzos, o feito de ser feminista está hoxe máis tinguido de "malditismo" que hai algúns anos? Refíro-me a que como xa se acadaron algunhas pequenas melloras, hai quen considera o feito de ser feminista como algo que pertence o pasado e aí debería quedar..., como unha figura histórica ou trasnoitada.

    MXQ: Eu non creo que haxa ninguén que teña dous dedos de frente e un mínimo de boa vontade que non se decate de que ás mulleres nos queda moítisimo para alcanzar unha equiparación social. Hai problemas tan sangrantes como o da violéncia, que non creo que ninguén se poña a discuti-lo porque é algo terrible. A violéncia xenérica é tremenda e as mortas están aí, e sabemos que non se denuncian nen o dez por cento das agresións ou das violacións O ano 1997 pasará a história como un ano importante porque por primeira vez o tema da violéncia saltara á primeira páxina dos xornais e dos telexornais. Levábamos as feministas máis de vinte anos contando as mortas, nós soas, ninguén máis as contaba, iso non trascendia nunca a barreira informativa. A imaxe que aparece das mulleres nos médios de comunicación segue sendo unha imaxe de obxecto sexual, ou de obxecto consumista que non é equiparábel tampouco a masculina. A língua segue sendo unha língua masculina. Eu non sei onde hai que mirar para dicer que as mulleres xa non temos nada que reclamar. Non sei de onde pode saír a idea de que o feminismo non é necesario. Algo conseguimos, pero moi pouco aínda. As novas xeracións teñen que coller o testigo para seguir adiante. Eu creo que nunha situación de democrácia, como é a actual, este camiño é imparable. Cando un problema pasa de ser un problema persoal, ou dun grupo, ou dun xénero, a ser colectivo, un problema social, por exemplo a violéncia doméstica -que eu prefiro chamar violéncia de xénero porque non é todo doméstico-, esa violéncia xa trascendeu, xa é un problema social. Na medida en que é un problema social vai ser solucionado, xa está en vías de solución. Mentres se queda nunha reivindicación que facemos nós, non hai maneira, temos que conseguir que a sociedade se faga cargo dos nosos problemas e que pasen a ser problemas sociais e colectivos. E así con todo, así temos que seguir.

     

    A: Que novas liñas de actuación pensas que nos temos que propor, ou que vellas cuestións repropor, desde o feminismo?

    MXQ: En primeiro lugar, non baixar a garda, pensar que temos moito que facer e, na medida en que agora temos máis canles de reivindicación, continuar con esta dialéctica que ten o feminismo entre a teoría e a praxe. Nós necesitamos o movemento de liberación, a loita das mulleres, pero tamén necesitamos logo explicar-nos estas cousas, que o pensamento vaia avanzando para dar resposta a todas estas reivindicacións. Temos moito en contra, o último pensamento filosófico do postmodernismo vai en contra da ilustración e de que no feminismo teñamos unha idea universal da nosa reivindicación. Parece que cando as mulleres encontramos o noso obxectivo e é unha reivindicación mundial, atopamos moita filosofía que vai en contra que temos que vencer. O noso camiño vai ir cambiando en función das circunstáncias políticas, económicas e sociais do mundo. Eu boto en falta certos aspectos do feminismo inicial dos anos setenta, porque era un feminismo máis social, na medida en que moitas de nós procedíamos do socialismo ou do comunismo, dunha concepción filosófica marxista, o feminismo tiña un entronque máis social que habería que retomar un pouco. Eu non creo que haxa salvación individual, e aínda que cada muller ten que avanzar individualmente, temos que ir procurando que os aspectos sociais axuden e colaboren no noso avance. Por exemplo, antes considerábamos que a sociedade tiña que facer-se cargo de moitos aspectos domésticos, que hoxe parece que se botou moito en olvido, que teñamos comedores, garderías, servizos colectivos que para as mulleres son moi importantes en tódolos sentidos. Vivimos nunha etapa histórica moi individualista e o feminismo está caendo un pouco por aí. Creo que deberíamos retomar certos aspectos sociais e adecua-los ao momento actual.

    Considero que é moi perigoso o tema das privatizacións, por exemplo, que xa empezaron co partido socialista e agora continúan masivamente. Para as mulleres o Estado é un aliado, a proba é que aí onde as mulleres teñen unha maior equiparación aos homes é nos aspectos funcionariais. Na privada xa sabemos que sempre prefiren contratar homes. O estado do benestar, que foi o que lle deu un gran pulo ás mulleres nos países nórdicos, é fundamental para toda a cidadanía pero para ás mulleres máis, dende o ponto de vista sanitário, de asisténcia social, de casas de acollida, de garderías, do asociacionismo... Deberíamos estar moi preocupadas do que está ocurrendo coa sanidade, coas fundacións estas que están xa tendendo a privatizar a sanidade; co ensino, igual. As mulleres deberíamos alzarnos en pé de guerra contra as privatizacións porque somos ás que máis nos vai a afectar negativamente, e deberíamos presionar ao Estado para que houbese máis logros sociais.

    Para min sempre o feminismo foi algo social e algo político e non me parece que haxa que remiti-lo sempre a aqueles aspectos do útero. Parece que se interpreta así porque as nosas reivindicacións comenzaron polo divórcio, o aborto, evidentemente a reivindicación do aborto é absolutamente necesária, pero necesária polo aspecto social que ten detrás. As mulleres temos que estar completamente preocupadas por todo o que sexa política do Estado, porque eso nos vai a afectar moi directamente, e escapar de que nos metan no gueto do material, do corpo.

    Se falamos do aspecto da televisión galega, que é algo tremendo, se unicamente falamos de como saímos aí as mulleres, dos chistes soeces que se fan a nosa costa, ou do aspecto da pornografía e a zafiedade con que nos presentan, ben, pero temos que ir máis alá, tamén nos afecta toda a ideoloxía negativa que se transmite a través da televisión de Galiza, non unicamente aquilo que se corresponde co noso corpo e o noso sexo. Somos individuas e todo o que se está transmitindo vai en contra de nós, as mulleres. E máis, claro, das mulleres que se tragan os telefilmes, os culebróns, os concursos estes espantosos... Unha das cousas que me gustaría é que nós puidesemos facer, en nome próprio, todo tipo de reivindicacións.

    Creo que o feminismo ten que dar todos eses saltos. Chegar a implicar a totalidade.

     

     

    Volver ao sumário

     


    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22 Segunda época OOOOOOO

    ANDAMIOS PARA UNHA NOVA CIDADE

    Teresa del Valle - Editorial Cátedra

     

    Tomando as palabras da própria autora "... este libro supón o peche temporal a un interese no tema do espazo que abrangue duas décadas e itinerários a un e outro lado do Océano". Recolle nel o seu primeiro traballo datado nos anos 1975-1976 feito en Umatac, na illa de Guam no que se centra no estudo da propiedade. Inclue tamén as experiéncias das distintas visitas ás illas da Micronésia e máis tarde as suas investigacións en Euskadi, recollendo o estudo de duas grandes e diferentes cidades, Bilbo e Donóstia. Relacionando o espazo coa organización dos sistemas de xénero e guiada polo interese en detectar os mecanismos da desigualdade que excluen a muller do protagonismo da vida social.

    O libro está organizado en duas partes:

    Na primeira incide nas manifestacións e valores que sustentan un maior grao de pertenza da muller ao espazo doméstico e unha situación de paso no público. No primeiro capítulo expón a relación entre a construcción real e simbólica do espazo e o mantemento das estructuras de dominación. No segundo, a partir da organización dos sistemas e as construccións do xénero define a desigualdade específica que constitue o eixo deste estudo. Enlaza con algunhas das propostas de cámbio espacial desenvolvidas polas feministas materiais en EEUU que propuñan unha transformación total do deseño espacial e da cultura material dos fogares americanos, bairros e cidades. Traballa á vez as incidéncias que a construcción público-privado ten na organización do poder e do estatus en xeral, e propón unha elaboración conceptual do que significa en tal contexto o interior, exterior e público asi coma as gradacións que presenta cada un deles. Do mesmo xeito que a diferenciación conceptual entre o privado e o público leva a visións parciais, a falta de diferenciación entre o espazo exterior e o público é discriminatória xa que pode manter a muller alonxada do público.

    No capítulo terceiro calibra-se o espazo exterior e público e a inestabilidade que experimenta a muller neste último onde vive unha situación transitória. Aparece unhas veces como observadora, outras como participante nos espazos do deporte e do ócio. No último capítulo desta primeira parte a autora pasa a facer un estudo dos nomes das ruas e monumentos de Bilbo e Donosti, para detectar os mecanismos que actuan nos procesos de selección destes nomes e das personalidades que representan. A través desta análise constata a finura con que actuan os fios da naturalización coma tentáculos da estructura de poder.

    A proposta global da segunda parte, O desafio do cámbio, abrangue a análise procesual do cámbio a través dos conceptos de conservación, transformación e creación. No capítulo quinto pon-se de relieve a forza das transformacións simbólicas ao tempo que se xoga coas gradacións de interioridade-exterioridade que posuen os espazos. A importáncia que atribue á visibilidade permite coñecer as maneiras en que o espazo serve de identificación casual para grupos alternativos. Selecciona para a sua análise aquelas situacións que pola sua marxinalidade conteñen elementos creativos.

    No capítulo sexto fai a análise do asociacionismo de mulleres e mide o seu valor como espazo ponte tanto entre o espazo doméstico e espazo público coma no paso da transformación á creación. O ponto de partida para a análise é a consideración das mulleres como grupo en situación de mutismo sociocultural. Isto traduce-se en conceptos de grupo dominante e grupo dominado. O primeiro é o que fala e o segundo o que permanece calado ainda que numericamente poida ser máis amplo que o primeiro. Está inspirado na proposta de Shirley e Edwin Ardener, que tratan sobre a situación de mutismo das mulleres e as dificuldades que teñen para transmitir os seus modelos.

    No capítulo séptimo dá-nos a visión de Donosti dende a interpretación de diferentes colectivos e mulleres. Consideran as reduccións que imos facendo respeito á ocupación de espazos xunto coas limitacións temporais. A noite aparece como ameazante para a muller e os paseos solitários, nocturnos, quedan vedados por determinadas zonas das cidades. E no último capítulo analiza as pintadas e graffiti con mensaxes alternativas que poidan ser transmisoras das estructuras profundas e polo tanto dos modelos dos grupos en situación de mutismo. Fai tamén unha aproximación a novas formas de visibilidade a traverso da análise específica de ocupacións temporais de espazos públicos que teñen características marxinais e subversivas. As novas formas de conceptualizar a cidade poden ter unha incidéncia directa nunha maior incorporación das mulleres aos aspectos públicos do espazo exterior. A visibilidade é clave, pero unha visibilidade que resposte a propostas de grupos e que non resulte excluinte da actividade individualizada de cada persoa do grupo. A visibilidade das mulleres implica unha série de estratéxias de creación e de incidéncia directa naqueles espazos ben definidos que teñen releváncia social e dos que está total ou parcialmente excluída: escenário, televisión, Parlamento, salóns de plenos, a rua, etc.

    Felicia Estévez

     

    Volver ao sumário


    OOOOOOO ANDA!NA  Nº 22Segunda época OOOOOOO

     

    Contraportada

    Hannah Arendt

    Hannah Arendt nasceu en Hannover no ano 1906 no seio dunha família xudea. A sua infáncia veu marcada por dous feitos que fixeron que esta non fose demasiado feliz: primeiro, a morte do seu pai cando ela tiña sete anos, e segundo, a má relación coas fillas do novo marido da sua nai, a partir do trece anos.

    O seu ingreso na universidade de Marburgo terá lugar coa idade de dezoito. Ali serán profesores dela Jaspers e Heidegger. Con este último manterá unha relación que evolucionará ao longo do tempo. Desde 1925 a 1930 terá con ele un romance apasionado, mas en 1933 cando Heidegger ingresa no partido nazi, ela marcha aos Estados Unidos da América, onde foi profesora en várias universidades.

    Durante a sua permanéncia no país americano, Hanna adica-se a analisar a história do anti-semitismo, momento no que escreve, As orixes do totalitarismo . Tamén ali coñece en 1936 a un comunista alemán exiliado co que casa. Non voltará a reanudar a sua relación con Heidegger até 1950.

    Será a partir de aqui cando Hanna Arendt exerza de defensora do filósofo alemán ante a opinión pública, xustificara-o e chegará até a minimizar o apoio deste ao Terceiro Reich.

    En 1975, morre Hanna Arendt, autora de obras como: A condición humana, Sobre a revolución e A crisis da república.

    Volver ao sumário

    Volver a ANDA!NA 

    1