OOOOO Doss!er OOOOO
Dereitos? Humanos??
Mulleres de Kurdistan
Tortos e Torcidos como a historia se encarga de demostrar
¿Son os dereitos humanos dereitos das mulleres?
Sen as mulleres os dereitos non son humanos
Declaración dos Dereitos Humanos desde unha prespectiva de xénero
OOOOO Doss!er OOOOO
Tortos e torcidos
como a historia
se encarrega de demostrar
Nanina Santos.
Cando os cidadáns da Fráncia revolucionária poñen en marcha a "Declaración dos Dereitos do Home e o Cidadán" en 1789, traballan, inspirados na filosofía do liberalismo ilustrado, para defender os dereitos dos individuos perante o Estado. Establece, en certo modo, un corpo a corpo entre o individuo e o Estado e apoia-se nesa idea de que o individuo ama, por sobre todas as cousas, a liberdade.
Deixando un pouco de lado esas xeracións de dereitos, creo que paga considerar alguns aspectos deses traidos e levados dereitos cos que se enchen tantas bocas, tamén a do Pai de Roma
A primeira e principal crítica que se esperará de min nesta revista é que aluda a exclusión das mulleres desa humanidade e dese home, porque nefeito, ainda que a gramática diga que home inclúe á muller e que humanidade integra a mulleres e homes..., as nosas conciéncias, as leis e a realidade da vida non as incluen, tal e como se pode comprobar.
Eses dereitos están enxendrados e concebidos en molde masculino e todo o que non se axuste a iso, non cabe, queda fóra. Nen siquera existe. Un brevísimo aserto bastaria para poñer tal parcialidade de manifesto.
« Surpresaron-me grandemente as grandes palabras: liberación dos povos, liberación das mulleres -escribia unha muller nun xornal socialista en 1969-. A miña liberación consiste en servir-lle após o meu traballo mentre el le ou "pensa". Mentres eu limpo a verdura el pode ler a pracer Le Monde ou libros de economia marxista. A liberdade só existe para os acomodados, e no mundo real, os acomodados son os homes»
E non é un problema menor. As feministas, de vello ocuparon-se de denunciar isto
Desde o remedo de Olympe de Gouges coa sua "Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadá" en 1791 á Declaración dos Dereitos do Home e o Cidadán de 1789, até as actuais críticas procedentes de tan diferentes frentes.
Unha delas, de moita solvéncia e fondura dende propostas político-filosóficas que poñen o dedo na chaga da división entre o público e o privado sobre o que está organizada a nosa sociedade e orixe de todas as desigualdades que oprimiron a muller segundo Carole Pateman.
Así pode continuar a exclusión do xenérico mulleres e non pasa nada... Os Dereitos Humanos son « ... a única base sobre a que se pode construir a paz»
Estará o Pai de Roma pensando na paz doméstica, na integridade corporal de tantísimas mulleres mutiladas física e psiquicamente porque as tradicións e diversidades culturais dictan que "sempre foi asi" e asi debe seguir sendo.
Pero non quero caer na trampa de pretender que se incluisemos muller no "home" e en "humanos" a cuestión estaria resolta e teríamos uns dereitos aceptábeis e estaríamos máis protexidas unhas e outros dos abusos, maos usos do Estado sobre as persoas e da violéncia estrutural que esta sociedade, tal e como está organizada xera.
Non estamos nun mundo imperfecto só en razón da exclusión feminina. Vivimos no reino da fealdade do capitalismo, do liberalismo a ultranza... asi que a liberdade do indivíduo prima por riba de todo.
A liberdade, por exemeplo, dun pária analfabeto para ler e transmitir á sua prole entusiasmo pola leitura; a liberdade de ser arquitecto, mercar unha casiña rente ao mar, pedir -e esixir- un trato correcto e delicado por parte dos administradores do poder en calquera das suas expresións.
A liberdade, tal vez, dos cidadáns e das cidadás de Africa expoliados polos ricos e cobizosos paises do primeiro mundo para comer, vestir, disfrutar das suas tradicións e cultura...
De que falamos? De que liberdade falan?
Non, non se pode usar un molde ao estilo "o leito de Procusto" e pretender que o que de alí saia ... é nada menos que UNIVERSAL, cando só é branco, acomodado, masculino.
As mulleres non caben, os milleiros de seres humanos que carecen de dereitos e son de terceira -ou cuarta- clase tocante a cidadania, tampouco . Polo menos os gregos da antigüidade eran menos hipócritas e máis claros. Dician-no explicitamente: Os que viven fóra dos lindes non gozan de dereitos, e os lindes establezo-os eu.
E como di Victoria Camps, « Do mesmo xeito que se excluia á mulleres, excluíuse aos pobres, aos obreiros, aos non propietários, a todos os que enturbiaban a perspectiva xeral que non era outra que a própria dos que a criaron»6
Non cabe dúbida que coa Declaración dos Dereitos Humanos na man e o Tribunal Europeo destes dereitos, temos a satisfacción, grande, enorme, imensa, de ver a Pinochet un pouco contra as cordas, gracias á teimosia dun xuíz algo peculiar, porén, outro ser humano calquera, un Jimenez Montoya, mata dun navallazo a outro e o seu cárcere está garantido vaia onde vaia, sen dilación nen discusión algunha sobre as inmunidades.
Os seres humanos NON NACEMOS LIBRES E IGUAIS en dignidade e dereitos... e desde logo só os excluidos saben de que se trata.
Seguir afirmando abstraccións e non CORRIXIR a realidade que de nengun dos modos pode demostrar que os artigos 2,3,4,5,6,7, etc... da Declaración dos dereitos Humanos atinxen por igual aos seres humanos á marxe da instrucción, riqueza, nacionalidade, sexo, e xénero.
É importante abandonar a universalidade e as abstraccións que só ocultan a realidade distante e distinta de homes e mulleres, de ricos e pobres, de brancos e negros, de instruidos e analfabetos... e nos preocupemos de aceptar as diferéncias e construir unha cidadania diferenciada.
O Estado protector -e de idéntico modo os organismos internacionais- non pode facer "igualitarismo" senón protexer a quen o necesita.
« É un erro pensar que o Estado protector ha beneficiar a todos: ha beneficiar a quen o necesita PREXUDICANDO - pois non hai nengun outro xeito de o facer- as xentes que satisfan moitas mais necesidades que as básicas.
Os bens básicos son de distinto tipo. Non todo se resolve economicamente anque, sen dúbida, ese é o princípio para solventar moitos problemas. Rawls entende que un dos bens básicos radica en posuir o que el chama "as condicións fundamentais da autoestima". No caso de colectivos ainda precisados de protección, como o das mulleres ou o dos inmigrantes, é ese ben o que se lles debe de garantir. Consegui-lo é, desde logo, dar-lles acceso a todo o que signifique poder ter unha vida produtiva propria, sen dependencias económicas de outros. Acceso ao traballo, á educación, á saúde física e psíquica, a información. Porén significa tamén loitar para que os costumes cambien a fin de que o respecto mutuo entre as persoas sexa unha realidade. O tratamento igual non depende só de ordeamentos legais: depende da vontade persoal de ver no outro ou na outra un semellante. Tamén a liberdade se resente cando, salvadas as diferenzas xurídicas, se mantén esa discriminación cotiá -na linguaxe, no reparto de papeis, nas relacións interpersoais- que non é menos vexatória para o indivíduo que a padece.»7
Parece-me moi expresiva a reflexión de Simone Weill sobre a igualdade8 e esa medida da MESMA CANTIDADE DE RESPETO E CONSIDERACION que se lle debe a todo ser humano en canto que tal sen gradacións, porque seguimos habitando sociedades onde "aos de arriba" se lles practican moitas mais cantidades de respeto que aos de abaixo e creo que non é preciso que escriba aqui quen forma e conforma os bando "dos de arriba".
Queda, por último, coller a Declaración Universal dos Dereitos Humanos asinada en Decembro de 1948 e repasar estes 50 anos de história: Unha sistemática violación dos dereitos humanos por parte dos governos, de organismos internacionais como a ONU, por exemplo, para con persoas de ambos sexos, povos e colectividades enteiras e desde logo de poderosos sobre persoas desposuidas.
Os exemplos son tantos que abochorna que esa celebración ocorrera e aqui todo o mundo quedase cheo do civilizados e estupendos que somos desde que os franceses alá en 1789 ou a Carta Magna que en 1215 aceptou Juan Sen Terra de Inglaterra, a Declaración de Dereitos do Estado de Virxínia de 1776 ou a própria Declaración de Independéncia dos EEUU de 1776.
A Declaración de 1948 pretende reafirmar unha moral e un Dereito feitos anacos, de novo, na recén rematada segunda grande guerra
Precisa as regras que han presidir as relacións sociais e internacionais, afirmando entre outras cousas, a igualdade racial que estaba negada explicitamente
.Non digo que non vallan para nada, porén non son a panacea nen os seres humanos están protexidos e amparados por esa Declaración e sobre todo eso de que nacemos libres e iguais en dignidade e etc... só é un xeito de contar e contar-nos a história que segue deixando cómodo o lugar no que transitan tranquilas as corrompidas conciencias dos brancos e acomodados varóns do satisfeito Occidente.
---------------
1.- Segundo a que á 1ª xeneración corresponderian os dereitos civiles e políticos; á 2ª os dereitos económicos, sociais e culturais e á 3ª xeneración os relativos á ecoloxia, pacifismo, feminismo e etc que din algúnds autores.
2.- « ... porque o segredo da paz verdadeira está no respecto dos dereitos humanos» El Mundo 2/I/99. páx 31.
3 .- Citado en ANDERSON, Bonnie S. e ZINSSER, JUDITH P.: Historia de las mujeres: Una historia propria. vól. 2. páx 459-460.
4.- idem nota 2
5.- Na antiga lenda grega, tirano da Atica, 0 seu nome de verdade era Polipemón. Convidaba aos extranos a sua casa e metia-os á forza nun leito. Se eran longos demáis e non cabian na cama, cortaba-lles as pernas; se curtos en demasia, estricaba-os até morrer. A sua morte foi unha das primeiras fazañas de Teseo.
6.- en CAMPS, Victoria.: El siglo de las mujeres. Cátedra, Madrid, 1998. páx. 29. O subliñado é meu.
7.- CAMPS, Victoria.: A igualdade e a liberdade en VALCARCEL, Amelia, (comp).: El concepto de igualdad. Ed. Pablo Iglesias, Madrid, 1994.
8.- WEILL, Simone.: Echar raices. Ed Trotta, Madrid, 1996.
OOOOO Doss!er OOOOO
¿SON OS DEREITOS HUMANOS DEREITOS DAS MULLERES?
Ana Sánchez Bello (*)
Este ano asistimos ó cincuenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e, quizais sexa este o momento de realizar unha revisión do seu plantexamento xeral e dos seus artigos en particular co obxecto de que os Dereitos Universais das mulleres sexan Universalmente defendidos.
Durante máis de cincuenta anos a Organización de Nacións Unidas ven facendo fincapé na non discriminación por razón de sexo, pero non foi ata 1979, coa adopción do primeiro Proxecto de Lei sobre os Dereitos da Muller, nomeada: "Convención sobre a Eliminación de Tódalas Formas de Discriminación contra a Muller" cando se establecen medidas específicas para os problemas das mulleres. Aínda recoñecendo que estas medidas supuxeron un importante paso a diante na procura da consecución dunha millora na situación das mulleres, non se conseguiu que a Carta Magna fora modificada, o que supón que a actual declaración dos Dereitos Humanos1 defínese en termos masculinos.
As necesidades e inquedanzas das mulleres non son incluídas nos postulados de dita Declaración xa que esta arrastra un sesgo do que aínda a sociedade no seu conxunto non foi capaz de despoxarse: a asunción do naturalismo bioloxicista no tratamento dos temas relacionados coa función social de homes e mulleres, o que ven a constatarse nunha construcción social de tipo patriarcal baseada na dicotomización dos plantexamentos sociais, e que se representa constituída polas antíteses seguintes: razón frente a emoción, cultura frente a natureza, ou obxecto frente a suxeito2, sendo a confrontación que aglutina a tódalas demais (e que finalmente constrúe a estructura social definida en termos masculinos), a composta pola dicotomización: público/privado.
A construcción histórica dun simbolismo en termos de naturalización veu a asignar o papel público ó sexualmente masculino e o papel privado ó feminino, diferenciando dous sexos, dous valores, dúas conductas, dous intereses "co conseguinte colorario de que, e sobre todo no caso das mulleres, anatomía é destino"3 .
Ó caracterizar á muller como feito reproductor interesada unicamente polo acontecer da familia, do doméstico e do decorativo estase a esquecer que os intereses das mulleres son plurais. Esta visión restrinxida do sexo feminino ven a supoñer un "escaso interese polos conflictos na propia identidade `feminina´ [que] conduce a unha falsa universalización das categorías xenéricas"4 . Ó mesmo tempo que observamos e apreciamos as variacións en torno a clase, etnia, cultura, relixión , etcétera… constatamos a existencia dun mínimo de cuestións que afectan á colectividade das mulleres. Non esquezamos a feminización da pobreza, non so no chamado terceiro mundo, senón tamén no "primeiro", onde se está a rexistrar un aumento da pobreza en familias monoparentais (maioritariamente mulleres con fillas/os ó seu cargo).As agresións sexuais e a violencia doméstica afectan tamén, case en exclusividade, ás mulleres. Según as estimacións da Organización Mundial da Saúde as posibilidades de infección do virus do SIDA son o dobre para as mulleres que para os homes, así mesmo, as dúas terceiras partes de persoas analfabetas no mundo son mulleres. Todo este conxunto de indicadores estannos a mostrar que existen problemas sociais que afectan á colectividade das mulleres, con independencia de situacións como as anteriormente expostas.
Os indicadores expostos estannos a dar a clave das reivindicacións que os colectivos das mulleres han de realizar en torno á universalización dos dereitos das mulleres, xa que se non se proclama unha igualdade de dereitos no ámbito da privacidade, do doméstico, do familiar, os Dereitos Humáns nunca poderán estar garantes. Se as necesidades e intereses das mulleres seguen sen ter acollida na Declaración Universal de 1948, ó ser considerados como "vida privada" na que os poderes públicos non teñen o dereito de intervención, a miade da poboación non estará representada en dita Declaración, xa que os problemas que afectan directamente as mulleres: violencia doméstica e sexual, dereito ó control do propio corpo, dereito á participación política, económica e social en condicións de paridade, dereito ás políticas de acción positiva, dereito á atención persoal, etcétera…han de estar explicitamente recollidos e recoñecidos como Dereitos Humanos Universais.
As disposicións legais son imprescindibles para poder salvagardar os dereitos fundamentais, pero ó mesmo tempo han de adoptarse medidas para fomentar os dereitos que están xa regulamentados, e que no caso das mulleres poderíamos recoller nas seguintes áreas5
- Reestructuración dos sistemas sociais, políticos e económicos da sociedade.
A defensa dos Dereitos Humanos, como dereitos tamén das mulleres, suporá o avance no cambio da estructura social, o que beneficiará non só as mulleres, senón tamén á propia convivencia democrática entre mulleres e homes, nenos e nenas, fillas e pais, irmáns, e todo tipo de relacións familiares, laborais e sociais, a carón da entrada no século XXI.
NOTAS
1. Vid. BARREIRO BARREIRO,Clara.(1986). Derechos Humanos. Declaraciones solemnes, continuas violaciones. Barcelona: Salvat
2. Vid. HARDING,Susan.(1996). Ciencia y feminismo. Madrid: Morata.
3. Vid. AMORÓS, Celia. (1995).10 palabras clave sobre mujer. Navarra: Verbo Divino.
4. Vid. OSBORNE, Raquel. (1993). La construcción sexual de la realidad. Madrid: Cátedra.
5. Vid. MONGELLA, Gertrude. (1998). "Perspectiva internacional de las políticas públicas en el marco de la declaración de Pekín y de la plataforma de acción" en: Actas del II Congreso Internacionaal sobre género y políticas de acción positiva. Vitoria: Emakunde
(*) Lcda. CS. Da Educación
OOOOO Doss!er OOOOO
SEN AS MULLERES, OS DEREITOS NON SON HUMANOS
O aporte de CLADEM ao 50 cabodano da Declaración Universal de Dereitos Humanos
Susana Chiarotti
Coordinadora Rexional de CLADEM (Comité de América Latina e o Caribe para a defensa dos Dereitos da Muller)
¿Que sería de nós se non soñásemos?. ¿Que sería de nós se limitásemos os nosos soños ao estrictamente permitido polo "status quo"?
De mulleres con soños sen límites, sen medo á lei estatuida e ás convencións sobre os camiños tradicionais do dereito, naceu esta idea de escribir unha declaración dos dereitos humanos con prespectiva de xénero.
Dito sexa de paso, de mulleres audaces xurdiron os avances en materia de dereitos humanos. Hoxe ninguén descoñece os esforzos de Eleanor Roosvelt para plasmar a Declaración Universal de 1948, como un documento que incluíse a toda a humanidade e non só aos homes. As súas aportacións foron ricas e diversas: influíndo no nome e no contido da Declaración; convocando ao grupo redactor; ofrecendose para traducir cando faltaban traductores; e realizando outras actividades. Tanto axetreo molestou a algúns delegados na recén formada Nacións Unidas, que especulaban con que o seu marido non fose reelexido como Presidente dos Estados Unidos, para que ela xa non participase na Delegación.
Citamos a Eleanor sen esquecer das pioneiras que a precederon, pero das que falamos xa en abondosas oportunidades.
Durante cinco anos CLADEM difundiu unha proposta de Declaración de Dereitos Humanos, escrita por mulleres latinoamericanas. A idea inicial partiu de levar ao feminino a versión en español da Declaración Universal, en Costa Rica, en decembro de 1992. O efecto foi impactante. Sentímonos incluídas. Esa primeira versión foi logo revisada, correxida e criticada por arredor de 180 organizacións e mulleres e homes que traballaban no tema.
A finais do ano 1997, a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, con sé en Xenebra, pediunos que minguasemos o texto a 1500 palabras, para que fose aceptado como documento oficial. Ao minguar o texto, houbo que facer un exercicio de síntese. Suprimíronse os antecedentes onde explicabamos como nacera a proposta e os seus fundamentos deixando o texto da Declaración na súa maior parte intacto. Dentro deste proceso de síntese, e seguindo os consellos de expertas/os en Dereitos Humanos vinculados a Nacións Unidas, evitamos repetir ou mencionar dereitos que xa foran consagrados noutros instrumentos de Dereitos Humanos, como por exemplo, o dereito á información e todo o relacionado coa liberdade de prensa, o dereito á organización sindical, ou a discriminación racial. Debido a que o idioma inglés permitía introducir máis conceptos con menos palabras, eleximos este idioma para a síntese.
Logo de varios meses de trámites, o documento foi incorporado por Nacións Unidas, como proposta de organización non guvernamental, co número E/CN.4/1998/NGO/3, foi traducido ao español e ao francés e distribuído entre as delegacións guvernamentais que asistiron o ano pasado á Sesión da Comisión de Dereitos Humanos, en Xenebra.
O noso aporte na área dos dereitos humanos está a ser recoñecida cada vez con maior amplitude. En Febreiro do ano 1998, a División para o Avance da Muller de Nacións Unidas, invitou a dúas compañeiras de Cladem para que asistesemos á 42 sesión da Comisión do Avance da Muller, en carácter de observadoras e para que asumísemos a responsabilidade de coordinar o Diálogo coas Delegacións Guvernamentais na área dos Dereitos Humanos. O Diálogo sobre os Dereitos Humanos das Mulleres tivo lugar o 2 de marzo pasado cunha grande asistencia de delegadas/os guvernamentais e non guvernamentais. Alí, ademais de coordinar o Diálogo, Cladem, apresentou un diagnóstico sobre a situación dos dereitos humanos na rexión. Como encargada da organización, Cladem invitou a participar a representantes de Asia, Africa, Europa e América do Norte.
O nosos entusiasmo á hora de pular por esta proposta, non nos impide ver os obstáculos que se presentan para que os Estados a fagan súa e a propoñan ante a Asamblea Xeral . En primeiro lugar, o ano 1998 a Asamblea Xeral de Nacións Unidas celebrou o cincuentenário da Declaración Universal, destacando os seus aspectos positivos e a necesidade da súa plena vixencia. É difícil que algún documento que aluda, directa ou indirectamente, á necesidade de complementar a Declaración do 48, fose aceptado, xa que significaría admitir que ten carencias, aínda que se presente como enriquecimento da Declaración.
En segundo lugar, algúns dos eixos da Declaración de Dereitos Humanos con prespectiva de Xénero, proclaman dereitos que aínda non foron recoñecidos polos Estados no ámbíto local, como os relacionados coa autonomía sexual e reproductiva. Ao dialogar con delegacións guvernamentais en foros de Nacións Unidas, puidemos comprobar que as dificuldades non veñen só da nosa rexión. As reticencias para otorgar plena autonomía sexual e reproductiva ás mulleres son un problema mundial. Aínda en países que avanzaron no logro da equidade, hai inconvintes para aceptar algunhas das cláusulas. É o caso de Noruega, onde está governando unha coalición da que é parte a Democrácia Cristiana, que está intentando poñer restriccións ao dereito ao aborto. Por outra banda, a autodeterminación dos pobos indíxenas causa comechón entre moitos países, especialmente en Europa. En canto ao eixo do Dereito ao desenvolvemento, expertas/os europeos admiten que o desenvolvemento non é recoñecido oficialmetne como dereito por algúns governos, como por exemplo, o de Holanda.
Ao enfrontarnos a estas dificultades, tíñamos a opción de "maquear" o texto para que fose aceptado polos governos. Realizouse unha consulta ao Comité de Xestión. A proposta foi unánime. Non podemos lavar o texto. Iso é o que queremos as mulleres dos dereitos humanos. Se tardamos 100 anos en obte-lo, non importa.
A Declaración Universal de 1948 é difundida xunto coa proposta de Cladem. De feito, puidemos comprobar, que moita xente á que mostrabamos a nosa proposta nunca lera nin coñecía o existéncia da Declaración do 48. Desta maneira multiplicamos o coñecemento crítico dos dereitos humanos e contribuimos ao seu enriquecimento.
Invitamos ás persoas e organización interesadas en defender e promover os dereitos humanos, que se unan a nosa Campaña por difundir a Declaración. O recoñecemento pleno dos dereitos das mulleres non nos benefícia só a nós senón a toda a humanidade.
OOOOO Doss!er OOOOO
"DECLARACIÓN DE DEREITOS HUMANOS DESDE UNHA PRESPECTIVA DE XÉNERO. APORTES AO 50º CABODANO DA DECLARACIÓN UNIVERSAL DE DEREITOS HUMANOS."
Documento Nº E/CN.4/1998/NGO/3 – Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (Con revisións)
INTRODUCCIÓN: En decembro de 1998 as Nacións Unidas comemoran o quincuaxésimo cabodano de Declaración Universal de Dereitos Humanos. Coñecendo a grande trascendencia deste evento, CLADEM (Comité de América Latina e o Caribe para a defensa dos Dereitos da Muller), xunto con outras organización rexionais e internacionais, desenvolveu unha proposta que apunta a ser adoptada polos Estados Membros das Nacións Unidas.
O ano 1998 é a ocasión para que os Estados renoven o seu compromiso cos dereitos humanos e para engadir as prespectivas de xénero e etnicidade, que gañaron preeminencia desde a adopción da Declaración, cincoenta anos atrás.
Así como a Declaración de 1948 constituíu un código ético para a segunda metade do século XX, consideramos necesario que hoxe, no umbral do novo milenio, os Estados aproben outro documento de protección internacional dos dereitos humanos que integre os avances realizados no pensamento e experiencia dos dereitos humanos desde 1948, sen invalidar en ningunha forma os logros da Declaración Universal.
PREÁMBULO:
CONSIDERANDO que a formulación contemporánea dos dereitos humanos agromou nun contexto histórico no que o concepto do ser humano estaba en grande medida limitado ao do varón, occidental, blanco, adulto, heterosexual, e dono dun património,
PREOCUPADAS de que por esta limitada concepción do ser humano, os dereitos das mulleres, indíxenas, homosexuais e lesbianas, nenos, nenas, persoas maiores, persoas con discapacidade e outros grupos fosen restrinxidos,
CONVENCIDAS de que un concepto histórico e inclusivo da humanidade é necesário para a plena realización dos dereitos humanos,
REAFIRMANDO a indivisibilidade, universalidade e interdependencia dos dereitos humanos,
ASUMINDO que no presente contexto de pobreza crecente, desigualdade e violéncia, é crucial fornecer e garantir a plena vixéncia e interconexión dos dereitos ambientais, reproductivos, económicos, sociais e culturais,
CONSIDERANDO que esta Declaración de ningunha maneira reduce a validez da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, nin doutros instrumentos internacionais de dereitos humanos e que non autoriza actividades contrarias á soberanía, a integridade territorial e a independéncia política dos Estados.
EN CONSECUENCIA, PROPOÑEMOS Á ASAMBLEA XERAL NA SÚA 53 SESIÓN, o presente proxecto , para a súa consideración na elaboración dunha Declaración para o século XXI,
Artigo 1
1.- Todas as mulleres e homes nacen libres e iguais en dignidade e dereitos.
2.- Todos os seres humanos teñen o dereito a disfrutar todos os dereitos humanos, sen distinción algunha baseada na raza, etnicidade, idade, orientación sexual, discapacidade física ou mental, idioma, relixión, opinión política, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquer outra condición.
Artigo 2
1.-Todas as persoas teñen dereito á súa propria identidade como individuos/as de grupos cos que se identifican, como membros/as dunha nación e como cidadás/áns do mundo, co grao de autonomía e autodeterminación en todas as esferas, necesarias para preservar a súa dignidade e o seu sentido de auto-estima. Este dereito á identidade non será afectado negativamente por matrimónio.
2.- A esclavitude, a servedume e o tráfico de mulleres, nenas e nenos en todas as súas formas, incluíndo as que podan ter lugar en relacións familiares, están prohibidas.
Artigo 3
1.- Todos os seres humanos teñen dereito a unha participación igualitaria e equitativa nas organizacións laborais, políticas así como ao acceso a cargos públicos electivos e non electivos.
2.- Todos os Estados deberán eliminar obstáculos para o disfrute pleno e igualitario dos dereitos cidadáns por parte das mulleres. En particular as mulleres poderán adquirir a cidadanía sen discriminación e exercer os mesmos dereitos que os homes a participar en todas as esferas da vida pública e política da nación.
Artigo 4
1.- Todos os seres humanos teñen o dereito a expresar diversidade étnica-racial, libre de prexuizos baseados na discriminación cultural, lingüística, xeográfica, relixiosa e racial.
2.- Todos os seres humanos teñen o dereito á protección contra o etnocídio e o xenocídio.
Artigo 5
1.- Os pobos indíxenas teñen o dereito á autonomía e á autodeterminación e ao mantemento das súas estructuras políticas, legais, educacionais, sociais, económicas e os seus modos de vida tradicionais.
2.- Os pobos indíxenas teñen o dereito ao mantemento da suas relacións comerciais e culturais e a soster comunicación a través das fronteiras nacionais.
3.- Os pobos indíxenas teñen o dereito individual e colectivo a participar no proceso de adopción de decisións dos seus governos locais e nacionais.
Artigo 6
As persoas pertencentes a minorías étnicas, raciais, relixiosas ou lingüísticas teñen dereito de estabelecer as suas propias asociacións, practicar a súa própria relixión e utilizar o seu próprio idioma.
II DEREITO A PAZ E A UNHA VIDA LIBRE DE VIOLÉNCIA
Artigo 7
Todas as persoas teñen dereito a unha vida libre de violéncia e a disfrutar da paz, tanto na esfera pública como na privada. Ninguén será sometido a torturas nin a penas nin tratos crueis, inhumanos ou degradantes. Todas as formas de violéncia contra as mulleres constiúen unha violación aos seus dereitos humanos. A violéncia non poderá ser usada para negar ás persoas o seu dereito á vivenda, en particular a partir das eviccións forzadas.
Artigo 8
1.- As persoas migrantes, desprazadas ou refuxiadas e as persoas en situación de desventaxa por razón de xénero, razo, étnia, idade, convicción ou calquera outra condición, teñen dereito a medidas especiais de protección fronte á violéncia.
2.- Todos os seres humanos teñen dereito a unha vida libre de conflictos armados.
3.- As ultraxes perpetrados contra mulleres, nenos e nenas en situacións de conflicto armado, incluíndo os asasinatos, as violacións, a escravitude sexual e os embarazos forzados constitúen crimes contra a humanidade.
Artigo 9
1.- Todas as cidadás e cidadáns teñen o dereito a un orzamento nacional dirixido ao desenvolvemento humano sustentábel e á promoción da paz por parte dos governos, incluíndo medidas dirixidas á reducción dos gastos militares, a eliminación de todas as armas de destrucción masiva, a limitación de armamentos ás estrictas necesidades da seguridade nacional e á reasignación destes fondos para o desenvolvemento.
2.- As mulleres e os representantes de grupos en situación de desventaxa teñen dereito a participar no proceso de toma de decisións no campo da seguridade nacional e na resolución de conflictos.
III DEREITOS SEXUAIS E REPRODUCTIVOS
Artigo 10
Todos os seres humanos teñen dereito á autonomía e á autodeterminación no exercicio da sexualidade, que inclúe o dereito ao pracer físico, sexual e emocional, o dereito á liberdade na orientación sexual, o dereito á información e educación sobre a sexualidade e o dereito á atención da saúde sexual e reproductiva para o mantemento do benestar físico, mental e social.
Artigo 11
1.- Mulleres e homes teñen o dereito de decidir sobre a súa vida reproductiva de forma libre e informada e exercer o control voluntario e seguro da súa fertilidade, libres de discriminación, coerción ou violencia, así como o dereito de disfrutar dos niveis de saúde sexual e reproductiva.
2.- As mulleres teñen o dereito á autonomía reproductiva, a que inclúe o acceso ao aborto seguro e legal.
IV DEREITO AO DESENVOLVEMENTO
Artigo 12
1.- Todos os seres humanos teñen dereito a disfrutar dos beneficios do desenvolvemento humano sustentábel, de acordo á Declaración sobre o Dereito ao Desenvolvemento.
2.- As decisións en relación ás prioridades nacionais e a asignación de recursos deberá reflectir o compromiso da nación para a erradicación da pobreza e a plena realización dos dereitos económicos, sociais e culturais, incluíndo a saúde física e mental, educación, vivenda axeitada, seguridade alimentaria, igual e equitativo acceso á terra, o crédito a tecnoloxía, auga potable e enerxía.
Artigo 13.
Toda muller e home ten o dereito e a responsabilidade de criar e educar aos seus fillos e fillas, de realizar o traballo da casa e proveer ás necesidades da familia, mesmo despois da separación ou divorcio.
Artigo 14
1.- Todas as persoas teñen dereito ao traballo proveitoso; á libre elección do seu traballo; á protección contra o desemprego; a condicións de traballo seguras, equitativas e satisfactorias e a un nível de vida axeitado.
2.- Todas as persoas teñen direito a gozar das mesmas oportunidades e trato en relación con: o acceso aos servizos de orientación profesional e emprego; seguridade no emprego; igual remuneración por un traballo de igual valor, a seguridade social e outros beneficios sociais, incluindo o descanso e ocio.
V. DEREITOS AMBIENTAIS
Artigo 15.
A responsabilidade transxeracional, a igualdade de xénero, a solidariedade, a paz, o respecto polos dereitos humanos e a cooperación entre os Estados son bases para o logro do desenvolvemento sustentábel e a conservación do medio ambiente.
Artigo 16.
1.- Todas as mulleres e homes teñen dereito a un ambiente sustentábel e a un nível de desenvolvemento axeitado para o seu benestar e dignidade.
2.- Todas as mulleres e homes teñen o dereito ao acceso a tecnoloxías sensitivas á diversidade biolóxica, o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e os sistemas de conservación da vida na industria, agricultura, pesca e pastoreo.
Artigo 17.
1.- Todas as persoas teñen dereito a participar activamente na xestión e educación ambiental local, rexional e nacional.
2.- As políticas ambientais estarán dirixidas a: